Saúdo aos espectadores.

Un dos principais proxectos dentro da plataforma de televisión escolar de Moaña “Caranvexo TV” son os “Caranvexornais”. Onte comezou a tanda deste curso, coa emisión dun telexornal por cada centro elaborado polos propios alumnos. A primeira peza en emitirse foi a dos pequenos do centro de Infantil de Berducedo. Os nenos comezaron o telexornal explicando as medidas contra o coronavirus que puxeron en marcha no centro, con montaxes de vídeos camiñando polos corredores “seguindo pegadas de dinosaurio” para manter a distancia social. Fixeron tamén unha sección saudándose sen darse a man.

O “Caranvexornal” de Berducedo tivo unha sección adicada ao Samaín, con contos de terror que protagonizaron tanto os alumnos como os docentes. Despois houbo tamén unha sección do Nadal, con decoración específica e a visita de Papá Noel, captado polas cámaras para este informativo.

Ademais, os peluches que empregan de mascota, este ano, luciron a súa pertinente mascarilla, dando exemplo.

Os “Caranvexornais”, postos en marcha pola concellería de Normalización Lingüística de Moaña e polos centros de ensino, ten como obxectivo principal promover unha mellora da oralidade do galego entre os nenos e mozos do municipio. Ademais, busca promover a comunidade educativa creando vencellos entre o alumnado das distintas escolas e institutos. Así, cada xoves ás 12.00 horas dende onte emitirase un dos telexornais e o resto dos centros pararán para ver a emisión en directo na páxina web Caranvexo TV. Onte, os propios alumnos de Berducedo que eran os protagonistas, reuníronse e recrearon un cine, con flocos de millo, para presenciar o resultado final do seu traballo audiovisual, proxectado.

Como nas dúas edicións anteriores, os telexornais emítense no segundo e terceiro trimestre do curso. O vindeiro xoves está prevista a estrea do traballo do CEIP Tirán, seguido do CEIP Seara, o instituto As Barxas e o colexio de Abelendo.