A obra “Pan para os desdentados”, presentada pola viguesa María Salinas García de Valadares, venceu o I Certame de relato curto en igualdade organizado polo Concello de Moaña e pola Lonxa Literaria. O xurado destacou o amplo dominio da técnica do microrrelato que amosa a autora do texto. Sinala que o mesmo, ademais, “posúe unha carga de tenrura, empatía e humor” que é quen de trasladar un pequeno micromundo vital e cotián a ben poucas liñas. Todo iso xunto a “unha crítica ao capacitismo social imperante”, pois os textos debían centrarse na discapacidade.

O xurado fixo mención especial ao relato “Os outros océanos” pola súa calidade lingüística. As escritoras Emma Pedreira e An Alfaya, o edil Xosé Daniel Costas e Xurxo García, da Lonxa, formaron o xurado.