“Contos no Camiño” é unha iniciativa da Xunta de Galicia, dentro do programa “Falaredes”, que reúne sobre un mesmo escenario a algúns dos mellores contadores de historias galegos e co nexo común do Camiño de Santiago. Xurxo Souto, Bea Campos e Quico Cadaval demostraron onte en Bueu que, por moito camiño que haia por diante, este lévase moito mellor con contos, humor e música.

Os tres estiveron onte a mediodía no Centro Social do Mar de Bueu, nunha función de dúas horas de duración á que acudiron máis de 40 persoas que tiveron que respectar escrupulosamente o protocolo anticovid, como a toma de temperatura ao entrar, deixar os seus datos persoais ou gardar a distancia interpersoal. O primeiro en subirse ao escenario bueués foi Xurxo Souto, que xa se ten convertido nun clásico na vila desde os tempos nos que acudía á Festa do Trasno cos Diplomáticos de Monte Alto. O polifacético artista recordou algunha das súas anécdotas vencelladas con Bueu e aproveitou para reivindicar a cultura mariñeira a través da figura de Staffan Mörling e a historia das mulleres que traballaron na conserva. Rescatou un tema titulado “A fábrica de Massó”, de Esperanza Freire, e recuperado pola Coral Polifónica de Bueu ou máis ben a Coral Poliocéana de Bueu, como lle gusta denominala a Xurxo Souto, para o Festival O Son do Mar de 2019.

O seu relevo tomouno Bea Campos, que centrouse na idiosincrasia tan especial e particular dos galegos e a morte e botou man da súa faceta de guía turística para afondar na relación entre Compostela e o Camiño. As intervencións entre os contadores estaban ben fiadas e Quico Cadaval subiu ao escenario recollendo a temática que abrira previamente Bea Campos ao redor da morte. Coa súa característica forma de contar, na que comeza nun punto e comeza a abrir diversos camiños nos que parece perderse para de repente voltar ao lugar do inicio, Cadaval afondou na relación entre os vivos e os mortos.