Síguenos en redes sociales:

Centos de veciños e persoeiros da política e a cultura despiden a Xosé Manuel Millán

Pasaron polo tanatorio dende traballadores do Concello a compañeiros do instituto | O himno galego sonou no traslado do cadaleito

Centos de veciños e persoeiros da política e a cultura despiden a Xosé Manuel MillánG.N.

Os edís de todos os grupos de Moaña no minuto de silencio.

Os restos do exalcalde de Moaña, profesor e poeta, Xosé Manuel Millán Otero, foron incinerados na intimidade da súa familia máis directa a última hora de tarde de onte. Ao longo de toda a xornada centos de persoas pasaron polo tanatorio de Moaña, aínda coas restriccións impostas pola pandemia de Covid-19, ninguén que coñecese e apreciara a Millán quixo perder a oportunidade de brindarlle un último adeus.

Desde que abriu a sala número 4 do tanatorio, arredor das once da mañá, o ir e vir de xente foi constante. Entre os máis madrugadores estiveron os integrantes da plantilla de traballadores municipal. Case que todos os funcionarios do Concello pasaron polo tanatorio para tratar de minguar a dor da familia de Millán e para compartir cos seus coñecidos as anécdotas vividas con exalcalde durante os seus oito anos á fronte do Concello –entre 2003 e 2011– así como os outros oito anos como concelleiro, pois formou parte da corporación moañesa ao longo de 16 anos entre 1999 e 2015.

Todas as caras coñecidas do BNG moañés, a formación na que Millán militou toda a súa vida, pasaron tamén polo tanatorio, entre eles todos os nacionalistas do actual equipo de goberno, que estiveron presentes durante varias horas no tanatorio coa alcaldesa, Leticia Santos, á fronte. Dende outros Concellos destacou a presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal. Tamén acudiron representantes de moitos colectivos como a Plataforma da Sanidade ou asociacións veciñais. A muller e a familia máis achegada de Millán sentiu o agarimo doutros persoeiros como o Fillo Adoptivo de Moaña, Manuel Méndez, ou o xuíz de Paz, Jacinto García.

Pola tarde asistiron numerosos compañeiros de traballo de Millán cos que compartiu moitos anos como profesor do IES As Barxas. Entre eles estivo presente a actual directora do centro, María José Soto. Estudantes do instituto, pola súa conta, acordaron asistir onte a clase de loito e o centro ten previsto organizar un recital este luns coa lectura de poemas do que foi o seu profesor durante anos.

Durante toda a xornada o cadaleito estivo presidido por unha bandeira galega e distintivos do BNG e da UPG. Ademais de un alto número de coroas de flores que procedían tanto das organizacións políticas nas que o exrexedor militou como de entidades sociais e deportivas de Moaña, do seu instituto e doutros centros educativos como o CEIP Abelendo.

O momento máis emotivo tivo lugar á hora do traslado do corpo, arredor das 18.00 horas, cando os presentes ergueron unha rosa e cantaron o himno galego entre bágoas.

Pola súa banda, a Executiva nacional do BNG emitiu onte un comunicado amosando a súa “profunda dor” polo falecemento de Millán e salientando que foi “un compañeiro exemplar. A súa traxectoria vital, desde moi mozo, estivo comprometida coa causa do nacionalismo galego e a el adicou a súa vida nos ámbitos estudantil, político, organizativo e tamén institucional”. Engadiron, dende a dirección do Bloque, que “a súa dedicación literaria se vinculou á dignificación da nosa lingua e cultura nacionais”.

Para a formación do exalcalde “a memoria de Xosé Manuel Millán será sempre un estímulo para todos nós. Sentímonos orgullosos de ter compartido militancia cunha persoa honesta e de tan elevado sentido humano e ético”.

Pulsa para ver más contenido para ti