A finais de xaneiro de 2019 un decreto de Alcaldía resolvía prorrogar o servizo de funcionamento e mantemento da piscina municipal á UTE A Balea Cangas, actual concesionaria, "polo tempo imprescindible ata resolver a licitación que acordará unha nova adxudicación". Un ano despois, "non se avanzou nunha solución para a continuidade deste servizo", sinalan desde o grupo municipal de Avante, que ve máis sombras que luces nos trámites de solicitude da concesionaria, que hoxe avaliará a Xunta de Goberno Local, para a cesión do contrato deste servizo a outra empresa.

"No expediente non figuran nin informes da secretaría nin do departamento de intervención sobre e a viabilidade desta proposta", avisa a concelleira Ánxela Vizoso, e repara en que, se a comezos do 2019 falábase dunha nova licitación do contrato, e ACE defendía tamén a recuperación do servizo, "o edil de Deportes (PSOE) en cambio non valora na actualidade nin recuperar o servizo, nin a necesidade de devolver a legalidade o contrato mediante unha nova licitación".

Desde Avante expresas "serias dúbidas" sobre esta forma de proceder na cesión dun contrato de servizos, e cre que, como mínimo, a proposta debería acompañarse dos informes correspondentes. "Reclamamos unha solución transparente para o servizo da piscina municipal. Se dende o goberno non queren traballar pola xestión pública do servizo (estamos convencidos que é a máis eficiente), esiximos que como mínimo respecten a legalidade e aseguren un concurso limpo e con garantías", reiteran.