A actriz Susana Martínez, cuxo nome artístico é Susi Ons recolle o sábado na sala Amalia Domínguez Búa o recoñecemento como "Bueuesa Senlleira", que concede o Club Golfiños de Bueu con motivo do Día da Muller. Na súa faceta interpretativa destaca o seu rol como Drag King e o traballo coa compañía Marinita y sus Maromas, do que fala extensamente nesta entrevista con FARO.

- Como recibe este recoñecemento que lle brindan desde Golfiños ao nomeala como "Bueuesa senlleira"?

-Sinto moita emoción polo recoñecemento, non só por ter en conta a miña traxectoria e vida artística, senón polo cariño e esforzo que o clube está pondo nel. Só podo expresar un profundo agradecemento.

- Desde Golfiños destacan a súa faceta como actriz de teatro e, moi especialmente, como Drag King. Como se adentrou na cultura dos Drag Kings?

-Na miña infancia atopei coa colección narrativa infantil de "As aventuras dos cinco" de Enid Blyton. Unha das súas personaxes, George, era unha nena que quería ser neno e se travestía. Foi una revelación. Vivín toda a miña infancia e xunventude investigando sobre este tema. Pero foi aló polo 2013 cando tiven a oportunidade de ver un show drag en directo e fascinoume. Houbo un clic na miña cabeza, se un home podía travestirse de muller e utilízalo como discurso artístico? por que eu, de vocación teatreira, non podía facelo? Unín aquela obsesión infantil con esa linguaxe escénica. Foi un camiño solitario e de moita investigación, pois é una disciplina minoritaria.

- Máis alá da caracterización home/muller, cales son as diferenzas e similitudes entre a cultura Drag Queen e Drag King?

-A comunidade Drag King somos unha pequena familia. O noso carácter, minoritario e pouco coñecido, fai que haxa un sentimento de profunda irmandade. Non só entre Drag Kings españoles, senón que pasa a nivel mundial. Temos unha comunicación directa entre artistas Kings de todo o mundo a través da rede. Outro dos puntos que nos diferencian das Queens é que somos moito máis guerreiros e reinvindicativos. Existe un eixo combativo común entre os Kings, a desconstrucción da masculinidade cis [cisxénero] heteropatriarcal. Similitudes? Todo o resto.

- O seu álter ego masculino é Nico Elsker, co que acadou un segundo posto na primeira ronda do Drag Reign Race. Como é Nico?

-Este concurso consta de diversas probas. Na sexta proba quedei nos últimos postos e tiña que competir co meu compañeiro Drag King, Shedy Boy, e os dous decidimos marchar xuntos nun acto de irmandade. Así que non cheguei ni ao podio. Como Nico Elsker pretendo ser o home perfecto, tan perfecto que o público pense que son un home cis real. Nico namora, seduce, engaiola. E ao final descobre o seu segredo: ese galán atractivo ten peitos e xenitalidade feminina? De quen te namorache logo? Pretendo xerar preguntas, que o púbico reflexione sobre o xénero. Se o xénero é unha serie de características físicas (caracterización) e unha serie de comportamentos (interpretación) que alguén pode adoptar... entón realmente existe? É necesario? Depende dunha xenitalidade? Que é ser muller? Que é ser home?

- O certo é que o movemento Drag Queen é moi coñecido, pero non acontece o mesmo cos Drag Kings.Supón tamén unha forma de invisibilizar ás mulleres?

-É unha pregunta que me levo facendo desde hai tempo, desde que comecei. Por qué somos tan minoritarios? Eu penso que se debe a unha serie de factores. Por un lado si que existe unha invisibilización da muller neste campo, por suposto. Tamén existe unha profunda ignorancia sobre o travestismo feminino. E por outra banda, creo que os Kings se agochan máis no eido reivindicativo dentro de círculos máis pechados LGTB, feministas? a modo de pequenas e discretas performances. As Queens síntense divas e ocupan máis os escenarios. Ru Paul Drag Race axudou moitísimo a súa visibilización. De tódalas formas, comeza a haber un movemento Drag King a nivel mundial que anima a moita xente a probar neste campo. A nivel nacional acaba de nacer o Colectivo Drag King España.

- Recentemente organizaron a primeira gala Drag King en Vigo e na Coruña. Como foi esa experiencia?

-Foron eventos únicos no país. A verdade é que foron moi emocionantes os dous. Pero a primeira gala, a de Vigo, foi moi especial por ser ese primeiro paso no camiño de facer xuntanza e crear proxectos como colectivo Drag King. Organizámola dende Marinita y sus Maromas, conseguimos reunirnos catro drag kings enriba dun escenario. Foi un evento moi agardado polas catro: Jhonny Pistolas, ShedyBoy, Johnny Bitter e máis eu. Foi presentado por Leo Fever e Marinita Calleja. Acabamos chorando todos, foi algo histórico.

- O recoñecemento leva ímplicito algún agasallo e? un ramo de toxos! Algunha vez a agasallaron a vostede ou a Nico Elsker con algo tan picante?

-Non, pero devezo por ter entre as miñas mans tan espiñoso agasallo.