Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Vicente Sáez, mestre do Pósito de Coiro

Aproba as oposicións e incorpórase a escola en Casa Barca; de pensamento republicano, foi asasinado no 36

Nenos exploradores en Coix (Lalacant). Vicente (2º á esq.) no ano 1917.

Vicente Sáez Ruíz nace en 1904 na vila de Coix (Alacant), no seo dunha familia acomodada. Estuda Maxisterio e aproba as oposicións sendo destinado a Galicia. Así é como chega o noso mestre a Coiro. Na parroquia había dúas escolas que resultaban insuficientes. Unha no baixo da viúva de Antepazo e outra en casa Barca, que nos anos 50 pasa á casa da Mangallona. Vicente Sáez incorpórase á Escola de Coiro en Casa Barca en setembro de 1932.

De estatura media, moi boa persoa. Era un mestre moi activo no labor profesional e no movemento asociativo. No 1934 foi nomeado delegado da FETE para o Congreso de Traballadores do Ensino en Vigo. Afeccionado á natación formou parte do club Rodeiramar.

De pensamento republicano. Foi presidente do Centro Radical e con posterioridade afíliase ao PCE. Participa coa cantidade de cinco pesetas para a Comisión Nacional de Socorros ás familias de mestres presos. Don Vicente mantiña unha actitude de respecto para todas as persoas. Co levantamento fascista do 18 de xullo do 36 ía ter os días contados. Os xenocidas estaban dispostos a materializar o seu proxecto de acabar axiña con toda a disidencia democrática. Non lle ían perdoar a súa militancia política na Fronte Popular. Detéñeno o 25 de xullo ás 9 da mañá na súa casa.

A Comisión Depuradora de Maxisterio de Pontevedra ábrelle expediente disciplinario en agosto de 1936. A Inspección, o novo delegado civil de Cangas e o párroco de Coiro veñen coincidir nas súas opinións: Que o mestre era de ideoloxía comunista con actuacións de extrema esquerda, anticristiano, que non ía a misa, "de funesta y detestable puede clasificarse su actuación de verniz fino, pero de rabioso antiespañolismo y anticristianismo refinadísimo. Su conducta ha hecho casi irreparable daño", e piden a "separación do servizo".

O crego Manuel Vivero incorpora no seu informe unha curiosa opinión dun pai de familia que nos permite coñecer algunhas actividades que organizaba o mestre na escola: "permitía uns bailes na escola co pretexto de mercar os bancos" ou que "Ocupaba aos nenos en faenas de arranxos de xardín, ou traballos materiais, con prexuízo da parte propia escolar da súa formación e explicación das cousas" e que "trataba con calquera, pero as súas reunións e compañías tíñaas cos socialistas da Fronte Popular".

Queda recluído na prisión de Cangas. Conducido polas Forzas da Guarda Civil á presenza do Comandante do posto e de seguido, foi trasladado á prisión da Parda en Pontevedra o 19 de setembro de 1936. Aquí permanece ata despois da celebración do Consello de Guerra contra a Xestora do Concello de Cangas. Con posterioridade foi trasladado á Colonia Penitenciaría da Illa de San Simón de onde o sacan para aplicarlle a lei de fugas. E contan que no momento no que o foron buscar para ser "paseado" deixoulle un anel a un veciño de Coiro e compañeiro preso.

No escrito do Gobernador dirixido ao Xuíz faise a crónica daquel día : "Al ser conducidos en la noche de ayer por fuerzas del puesto de la Capital los presos Jesús Teijeiro Alfonso, Vicente Sáez Ruíz, Santiago Gómez Bao y José Búa Baredo, tuvo el coche que los transportaba un pinchazo por lo que tuvo que detenerse y separarse hacia la cuneta de la carretera en Estribela, momento que aprovecharon los referidos presos para intentar su fuga aprovechando la oscuridad de la noche y como no le hicieron caso a las intimaciones que les hizo la fuerza para que se detuvieran, ésta hizo uso de sus armas haciéndoles caer en tierra y recogidos se observó que eran cadáveres, siendo conducidos al depósito del Cementerio de dicho Estribela".

Morto a tiros, asasinado, o 24 de setembro do 36 aparece o corpo do mestre de Cangas. Nesas mesmas datas aparecen abandonados outros corpos nas cunetas de varias estradas. A represión contra o corpo de maxisterio foi moi dura. Nun principio todos os mestres eran considerados inimigos da nova patria salvadora. En Cangas moitos mestres e mestras foron suspendidos dos seus cargos.

Oitenta anos despois, evocamos e recoñecemos os valores destes mestres exemplares. Mestres considerados como as Luces da República onde a Escola quería ser un manancial de liberdade.

(*) Mestres. Socios.da Cepa e da Asociación pola Memoria Histórica

BIBLIOGRAFÍA e DOCUMENTACIÓN: Arquivo Municipal Cangas.

Documentación: Xoán Chillón, Antón Costa, Antonio Nores, S.Porto Ucha Patricio Marín Aniarte, Cronista oficial de Coix. Alacant

Alumnado e veciños, Jesús Paredes (1929)/ Anuario del comercio, ? y de la administración. Anos 1904, 1911.

Compartir el artículo

stats