"Dono itaque tibi Varele illa jam dicta hereditate videlicet Cangas totam (...), concedo pro bono servicio quod mihi fecisti et facis (...)". Con estas verbas o Rei Fernando II, casado con dona Urraca, e que reinaba sobre Galiza e León, donó no ano 1168 a Varela, nobre do seu séquito, o herdo de Cangas, situada no Morrazo, en pago aos servizos prestados. O nome de Cangas aparece por vez primeira neste documento asinado polo rei en Zamora e que agora abre a nova publicación da Asociación Cultural A Cepa, para conmemorar o Día do Libro, baixo o título "Cangas na literatura". Tratase dun traballo que foi realizado polo alumnado da Escola de Adultos dol Instituto Rodeira, da vila, ao longo do curso 2006/2007 e que agora renace coma a historia que sempre enriquece.

A publicación, en 88 páxinas, recolle textos literarios, poesías, cantigas, documentos, contos, coplas, lendas de autores e autoras que tiveron nomeado o nome de Cangas nas súas obras. A copla popular recollida polo escritor Xosé María Castroviejo "Adiós meigas de Cangas,/ netas de María Soliño/que me levasteis arrastras/polo largo do camiño" abre tamén a publicación que onte presentou o directivo da Cepa, Fernando Cuñarro.

Nas primeiras páxinass dase conta das cantigas medievais de Johán de Cangas, os tres poemas, ordenados, que para o investigador Xerardo Dasairas "semellan contarnos unha historia de desacougo na que a dama se autoculpabiliza da causa que provoca que o amado sexa infiel á cita". Tamén recórdase a Martín Códax e as súas "Ondas do mar de Vigo" e a Mendinho con "Sedíame eu na ermida de San Simón". Recolle un texto de Ramón Villares sobre a invasión dos turcos en Cangas en 1617 e tamén o máis recente libro de Pemón Bouzas sobre María Soliño "A voz do vento...". Recupera a Fray Martín Sarmiento e fragmentos de "A tecedeira de Bonaval", do canónico da catedral de Santiago, Antonio López Ferreiro, de cando era alcalde, Xan López de Cangas. Nesta publicación reprodúcese o poema "A lúa de Cangas", de Manuel Martínez González (1849-1894), que ten tres copias depositadas na Biblioteca de Moaña. Tamén fala de Cangas Valentín Lamas Carvajal, autor do catecismo do labrego (1889), no conto "O zapateiro de Cangas", que ten unha lenda de tradición oral. Manuel Curros Enríquez nomea á vila en "As dúas pragas".

A publicación non pode pasar polo alto a visita da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson no 1924 e a súa visión de Cangas que recuperou despois A Nosa Terra.