Fiandola está de volta. Máis ben, de volta e media. Ese é o título do seu novo traballo discográfico, o terceiro dende a fundación do grupo, aló polo 1996 na cidade de Santiago de Compostela. O septeteto conta con catro membros natuaris ou residentes no Morrazo e por iso o concerto de presentación de "Volta e media" vai ser na comarca: mañá domingo, a partires das 20.30 horas na sala canguesa Salason.

A maioría dos temas que forman parte deste novo disco de Fiandola forman parte da labor de investigación e de recollida polas aldeas de Galicia. "Volta e media" é un traballo de música tradicional no que tamén hai un espazo para as composicións de autor e no que conviven unha ampla variedade de ritmos tradicionais: jotas, muiñeiras, mazurcas, pasodobres ou rumbas. En total son dez temas que foron gravados entre os meses de xuño e agosto nos estudos Edisco, na Estrada.

Fiandola conta xa cunha importante traxectoria ás súas costas e tocou en festivais de Galicia, Cantabria ou Navarra. Este "Volta e media" é o seu terceiro traballo discográfico despois de "Bricania" (editado no ano 2005) e "Mimá!" (editado en 2011), aínda que tamén participaron en outras gravacións xunto a outros grupos de música tradicional como "Xuventude'96" ou "Chill out celta".

Dende a súa fundación en 1996 Fiandola experimentou varios cambios na súa formación, sempre na procura de novos camiños para o repertorio e música tradicional. Na actualidade o grupo está integrado por Pilo Gonzalvez ás voces e percusión (Moaña); Manolo Cobas á percusión e voces (Moaña); Santiago Budiño á gaita e voces (Moaña); Alberto Barreiro "Warren" como acordeón e voces (Moaña); Fran López á frauta, saxo soprano, gaita e voces (Betanzos); Antonio Suárez como clarinete (Culleredo) e Marcos Pérez á percusión (Ourense).