Escolares de todo O Morrazo encheron onte de cor e de reivindicación as rúas do centro de Bueu coa celebración dun Correlingua comarcal. Unha reivindicación en prol do galego e con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora a vindeira semana. Foron preto de 1.800 nenos os que tomaron nesta cuarta edición do Correlingua do Morrazo, a terceira que se celebra en Bueu.

O punto de encontro foi a Praza Massó, onde se concentraron a partir das dez da mañá. Dende alí partiu un poco máis tarde unha marcha reivindicativa polas rúas do centro de Bueu e na que participaron máis dun milleiro de alumnos. Sairon pola rúa Eduardo Vincenti e percorreron Montero Ríos, Johán Carballeira ata a rotonda das Lagoas e dende alí enfilaron novamente cara a rúa peonil Eduardo Vincenti. Foi un paseo case tres cuartos de hora e cando chegaron novamente a Praza Massó xuntáronse con nenos de educación infantil, que quedaran alí desfrutando dos xogos populares organizados para eles polo Clube Corredoiras: un circuito de oito modalidades que incluía trompos, cachiza, aros ou salto á corda. Unha vez todos xuntos comezou a segunda parte do Correlingua, que consistiu na actuación do mago Martín Camiña e de Luís Prego e grupo, así como na lectura dun pregón a cargo do autor e director teatral Celso Parada.

A xornada de convivencia resultou todo un éxito e rematou ao redor da unha do mediodía, cando unha trintena de autobuses levaron aos nenos de volta aos seus centros educativos. Esta actividade está organizada polas equipas de normalización lingüística dos colexios, a Asociación Correlingua e coa colaboración da Concellería de Cultura de Bueu. Esta iniciativa comezou hai catro anos para xuntar nun punto da comarca aos escolares de Cangas, Moaña, Bueu e Marín sen que se tivesen que desprazar aos Correlingua que se celebran en Vigo ou Pontevedra.