A recuperación da antiga festividade céltica do Samaín, que se está a dar en distintos ámbitos galegos dende fai uns anos, semella ter gañado a partida á celebración estadounidense do Halloween, cuxas orixes están precisamente nos países da Europa atlántica. Polo menos isto ocorre así nas escolas e entre os máis pequenos. Onte, sin ir máis lonxe, os colexios de Domaio e da Torre, de Cela, adiantaron a celebración e organizaron un día de festa para os rapaces. O mesmo ocorreu nas ludotecas municipais de Cangas e Moaña.

No CEIP de Domaio os 104 alumnos de Primaria participaron nunha xornada que contou coa realización de obradoiros de maquillaxe, manualidades ou símbolos celtas. Ademáis, formaron parte dun conto no que eles mesmos tiñan que atopar un libro perdido. Na súa procura se adentraron nun túnel do terror feito para a ocasión, e que arrepiou a máis dun, sobre todo entre os máis cativos. Ao concurso de cabazas hai que engadirlle a degustación de doces típicos que organizou a Anpa do centro.

No CEIP A Torre celebrouse unha sesión maratoniana de contacontos, na que os nenos trataron de infundirlles medo a outros compañeiros. Ao logo de toda semana os alumnos deste centro buenense preparanron as súas cabazas para unha exposición.

Na Ludoteca de Moaña os nenos e as monitoras se disfrazaron de bruxas, pantasmas, dráculas, lobishomes ou esqueletes. Participaron no contacontos da biblioteca de Quintela e baixaron ata a Ludoteca asustando aos veciños.

Pola súa banda, na Ludoteca canguesa se celebraron varios obradoiros e non faltaron os disfraces. Participaron uns 40 pequenos que gozaron dun contacontos da man de Rosi Figueroa.