Polo San Martiño, trompos ó camiño. Ou a cada porco lle chega ó seu San Martiño. Son só algúns dos múltiples refráns ou ditos populares ó redor deste santo milagreiro, moi reverenciado en Moaña e Bueu. Hoxe é o día grande nas festas patronais, que no caso moañés son case unha obriga para todo o mundo. Un ano máis agárdase unha afluencia multitudinaria de xente e nen sequera a choiva e o mal tempo botarán para atrás os fieis máis fieis do San Martiño.

O programa de festexos abriuse onte. Pola mañá houbo un pasarrúas a cargo da agrupación Colores, mentras que pola tarde houbo xogos populares para os máis pequenos e pola noite a tradicional verbena. Para hoxe está prevista a chegada das bandas de música de Arcade e de Moaña. A misa solemne está prevista para as 12.00 horas e estará cantada pola Coral Polifónica Lestonnac de Cangas. Ó finalizar, sairá a habitual procesión que percorrerá o entorno do conxunto histórico da parroquia. Este ano o trofeo futbolístico Vila de Moaña celébrase coincidindo coa festa do patrón e no cercano campo de O Casal. Será ás 18.30 e xogarán o equipo local vaise medir ó Celta B de Segunda División B. Antes do inicio do encontro, entrarán no recinto de xogo as bandas de música de Arcade e Moaña para ir animando o ambiente. E como non podía ser doutro xeito, a festa terá o seu broche de ouro coa verbena. Nesta ocasión actuarán Suavecito e Charleston Big Band. En Moaña as celebracións patronais continuan mañá, nesta ocasión honrando á Virxe do Carme.

En Bueu levan xa case unha semana de festa. Para hoxe está prevista a misa solemne, que será ás 12.30 horas. E se o tempo o permite, a Asociación Cultural Santos Reis montará a súa exposición con 300 fotos antigas. A verbena nocturna será na carpa instalada no aparcamento do Centro Social do Mar e actuarán Trovadores e Distrito 7.