A bruma é un fenómeno atmosférico que ten a cualidade de transformar todo aquilo que a rodea, convertindo ese entorno en algo atractivo ou inquedante. Ésta é a definición que ofrece o bailarín, músico e director musical Serxio Cobos, que coa súa compañía, chamada acaidamente Bruma, estrea mañá sábado en Cangas o espectáculo "9 espellos e unha caixa de música". O obxectivo seméllase moito a esa pretensión de chegar e transformar algo no interior do espectador. A representación será ás 21.00 horas no Auditorio municipal.

É unha obra na que se dan a man o baile tradicional, a danza contemporánea, a música e incluso a expresión teatral. A súa intención é "reflectir unha historia humana, na que todos andamos buscando outros espellos humanos que nos digan algo de nós mesmos a través do seu reflexo", dí Cobos. É dicir, somos a través dos demais e os demais son a través de nós mesmos. "Hai algúns cos que podemos empatizar e outros cos que non", pero todos deixan unha pegada. "9 espellos e unha caixa de música" está dividido nunha ducia de pezas e en cada unha delas reflíctese unha situación distinta, algunhas positivas e outras non tanto. É o caso do bailarín que se enfronta a outro co ánimo de matalo e deixalo atrás, pero que logo descubre que non lle vale de nada.

Entre esas historias teatralizadas e bailadas aparecen outros seres, vestidos de negro e sobre grandes zancos, que representan o "máis lúgubre" da existencia: a anguria, a incerteza, o medo e a dúbida. Por iso, "9 espellos e unha caixa de música" é unha viaxe ó interior de cada persoa. "Se conseguimos que alguén se vexa reflectido nalgún deses estados e transformar algo no seu interior sería o ideal", afirma Serxio Cobos.

A xestación desta montaxe foi moi longa e con algúns altibaixos. Así, o espectáculo que se verá en escena é froito de tres anos de traballo e nos que as distintas pezas que conforman "9 espellos e unha caixa de música" foron encaixando case como unha "engranaxe". "Non foi primeiro a música e logo a danza nin viceversa, foi un proceso no que primeiro ía saindo un fragmento de música, logo outro de baile...", explica Serxio Cobos. No aspecto musical destaca a presenza de acordeón, zanfona, bombo, gaita, saxo...

Éste é o debut da compañía Bruma, aínda que algúns dos seus compoñentes xa teñen unha importante traxectoria na música e no baile tradicional galego, como o propio Cobos ou o moañés Manuel Cobas. En certa medida, "9 espellos e unha caixa de música" quere ser tamén unha demostración de que o baile tradicional galego "ten máis posibilidadades das que algúns lle queren ver". Serxio Cobos argumenta que a tradición ten dous inimigos: "os que a desprezan sen coñecela e aqueles que a queren pechar aínda máis". Por iso, respectándoa aposta por un "ir máis alá e darle unha volta a tradición", co fin de saír do "encorsetamento" co que algúns queren limitar o baile tradicional.