As trece bandas participantes no programa de dinamización musical Son de Cangas 08, organizado pola Concellería de Xuventude, están de noraboa. O departamento que dirixe o nacionalista Óscar Graña vén de presentar un disco con temas de cada unha delas que será distribuido de xeito gratuito entre produtores de festivais, medios de comunicación e prensa especializada. O obxectivo, amosar ao mundo a variedade musical dos grupos cangueses e dar a coñecer as incipientes formacións da localidade. Cada unha delas recibirá tamén varias copias do disco que testemuña a súa participación na iniciativa.

O edil cangués compareceu onte xunto ao responsable da gravación nos Estudios Darbo, Marcos González, "Frenchi", e a técnica de Xuventude, Mercedes Giráldez, para dar conta dos detalles técnicos do cedé. "Preséntase nun formato diferente, innovador e atractivo co que se pretende chamar a atención", indica Graña. Trátase dun envoltorio de cartón de cor laranxa baseado no deseño identificativo do Son de Cangas. Inclúe un libreto coas fotografías e biografías de todos os grupos participantes: Kalíghula, Estado Puro, Fíjado Korroído, Kaixosama & L.Csar, Póstuma, Negra Sombra, FAinoTi, Crawl, Lavorda, sección xuvenil da Banda de Música Bellas Artes, Jit, Barni Barnel e Mechanix.