"Non só é o peixe, nas patacas ou na carne tamén atopamos plástico"

Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Texas, políglota, con coñecemento de cinco linguas, fala nesta entrevista da súa carreira investigadora e da contaminación plástica do medio mariño

Ian Vázquez Rowe / PELCAN PUCP

Ian Vázquez Rowe / PELCAN PUCP

Mateo Garrido Triñanes

Ian Vázquez Rowe (Santiago de Compostela, 1984), xa estaba embalando as súas pertenzas para iniciar a primeira das súas aventuras transnacionais días despois de rematar o bacharelato que cursou no IES Rosalía de Castro. Marchou aos Estados Unidos, para estudar a carreira de Bioloxía na University of Texas at Arlington da que se licenciou en 2006. Ese mesmo ano, volveu á súa cidade co título baixo o brazo para ampliar a súa formación. Primeiro, un mestrado en Enxeñería Ambiental e posteriormente un doutoramento en Enxeñería Química e Ambiental, obtendo o título en 2012.

Ese mesmo ano volveu facer as maletas, para seguir adiante coa súa carreira como investigador, destino Luxemburgo, onde traballou como enxeñeiro no centro de investigación Henri Tudor. Volveu a Galicia, pero de novo non por moito tempo. Grazas a unha bolsa de postdoutoramento da Xunta marchou a Perú en calidade de investigador. Ofrecéronlle un contrato e finalmente estableceuse alí. Hoxe é profesor titular da Universidade Católica de Perú en Lima. As súas principais liñas de investigación son as relacionados cos impactos medioambientais no sector pesqueiro e o cambio climático.

Políglota, con coñecemento de cinco linguas, pediu expresamente que esta entrevista, na que fala acerca da súa carreira investigadora e da contaminación plástica do medio mariño, se fixese en galego.

Ten experiencia como investigador en Galicia, Luxemburgo e agora en Perú. Cales son as principais diferenzas entre o traballo de investigación nos tres países?

As condicións son moi diferentes, como te podes imaxinar. Entre os tres, o país que máis inviste en ciencia e en I+D+i é Luxemburgo. A pesar de ser un país moi pequeno, ten unha estrutura de investigación moi desenvolvida, apostando moito pola innovación sempre en contacto coa empresa. Galicia superou un momento crítico coa gran crisis de 2008, cando realmente houbo moitos recortes na ciencia, pero logrou manter a súa estrutura de apoio aos investigadores. Cómpre mellorar a porcentaxe de investimento en I+D por parte da empresa privada que aínda é moi baixa.

A situación en Perú é moi diferente, principalmente porque é un país en vías de desenvolvemento. Cando eu cheguei hai dez anos estaban aínda creando unha rede de investigación e de fomento de investigación nas universidades. Na actualidade, o número total de doctores en Perú está en 8.000 aproximadamente nun país de 34 millones de persoas. Entón, está claro que aínda hai que investir moito en que a xente chegue aos posgraos superiores, que faga de doutoramentos. Co obxetivo de rachar a brecha existente non só con Europa, senón cos países que máis investigan en Sudamérica como Brasil, Chile ou en menor medida Argentina e Colombia.

No ano 2021, xa estando en Perú, fuches recoñecido como un dos investigadores máis citados do mundo na área de Ciencias Ambientais. Dende fóra en moitas ocasións percíbese que no mundo da investigación ten maior importancia o aspecto cuantitativo que o cualitativo. Un investigador percibe esa necesidade de publicar cada vez máis papers, así como ser citado?

É certo que hai un problema co volume de publicacións científicas que se xera. É importante que haxa un balance entre a cantidade que se publica coa súa calidade.

Cando tes xente que está investigando a un nivel exacerbado, que sacan papers cada tres días, iso chama a atención, porque ata que punto se pode de algún modo asegurar unha calidade e unha revisión deses artigos? Pero moitos deses artigos non acaban sendo citados nin teñen un impacto de primeira orde, entón eu creo que o sistema, aínda que ten as súas imperfeccións acábase autorregulando tamén un pouco, porque o final é un sistema competitivo onde o máis lido é quen ten algo que contar que é máis novidoso e máis rompedor.

Os seus ámbitos de estudo están relacionados en gran medida co medio mariño e o estudo do impacto medioambiental no mesmo. Onde adquire un mozo de Santiago de Compostela este interese polo estudo do mar e do sector pesqueiro?

Pois eu creo que o meu interese polo mundo mariño veu fundamentalmente polo afundimento do Prestige. Pilloume no primeiro ano de carreira, en Texas, e un pouco con esa impotencia de estar lonxe e non poder participar das actividades de limpeza das praias por exemplo, foi o que me fixo a min interesarme no mundo mariño.

Despois a través dos meus directores de tese na USC, que me ofreceron un tema vinculado ao sector pesqueiro que eu aceptei a pesar de ter diferentes alternativas.

Finalmente converteuse nunha liña de investigación que me acompañou en Luxemburgo, e tamén agora en Perú onde estou estudando a produción de fariña de peixe así como a acumulación de plásticos no medio.

“ Ao contrario que con outros fenómenos como o cambio climático, son os países do sur global os que xeran unha maior cantidade de residuos que rematan no mar”

A Unión Europea cifra en máis de 150 millones de toneladas a cantidade de plástico existente no medio mariño. Dende onde chegan maioritariamente estes plásticos ao mar?

Pois mira, tanto os ríos como o vento xogan un papel importante, pero vaiamos primeiro ás fontes. Hai que ter en conta que, ao contrario que con outros grandes fenómenos ambientais como o cambio climático, cando falamos de plásticos mariños, son os países do sur global os que xeran unha maior cantidade de residuos que rematan no mar.

Isto é así porque os países occidentais teñen sistemas de xestión de residuos sólidos moi desenvolvidos. Non só coa recolección nas cidades, senón tamén cunha boa rede de encapsulación do que chamamos os residuos sólidos urbanos. Por exemplo Sogama, en Galicia.

Perú, sen ir máis lonxe, non ten capacidad de control sobre máis do 55% destes residuos, rematando en vertedoiros descontrolados a ceo aberto, que en moitos casos están na franxa costeira.

Parece apocalíptico, pero hai países que están moito peor. En África, onde empeza a haber cidades costeiras moi grandes como Lagos ou Kinshasa, a capacidade de encapsulación dos seus residuos ronda o 5%.

De que xeito afecta esta contaminación na propia fauna?

Os plásticos cando entran nun corpo de auga poden facelo con diversos tamaños, como partículas moi pequenas ou grandes que pouco a pouco se van fragmentando ou degradando. Entón, dependendo do tamaño das partículas e do tamaño da fauna maríña da que estemos falando, os impactos poden ser diversos.

É moi común esa imaxe da tartaruga comendo unha bolsa de plástico. Claro, aí a inxesta pode crear un estrangulamento. Pero despois hai toda unha serie de micropartículas que poden ser inxeridas por estes animais tamén e que entran nos seus organismos, afectando ao seu sistema dixestivo, inmunitario, reproductor. Pero todavía queda moito por estudar sobre como lles afecta a nivel neurolóxico, por exemplo.

Unha vez entra no peixe, non poden tardar moito en chegar a nós...

Efectivamente, entran na cadena trófica e esas pequenas partículas acaban chegando a nós como consumidores de peixe. Mais deixame facer unha pequena acotación. Estase a analizar moito o problema dos plásticos mariños e hai tendencia a olvidarse dos plásticos noutros corpos naturais.

Nos campos agrícolas e na gandaría tamén se está a reportar a presenza destos polímeros plásticos e realmente non hai todavía evidencias de que o sector pesqueiro neste sentido sexa peor que outros

Ademáis de no peixe, atopámonos tamén polímeros plásticos en froitos, na carne ou mesmo na auga mineral.

Logo hai que ver a concentración, por exemplo, a priori sempre vai a acumular máis plástico unha pataca que medra baixo terra que un aguacate ou un plátano.

E esta inxesta a nós de que modo nos afecta?

Pois se vamos ao sistema dixestivo humano, moitos dos estudos que están saíndo, o que din é que realmente as partículas de microplásticos por enriba dun certo diámetro, son demasiado grandes para ser absorbidas. Entón, a pesar de que o seu paso polo noso organismo en ningún caso é beneficioso, na maioría de casos simplemente son partículas incómodas que acaban sendo excretadas.

O problema está sobre todo nos nanoplásticos, porque aínda non temos capacidade a nivel de laboratorio para medir a súa concentración. Sabemos ademais que poden estar sendo absorbidos a outros órganos. Fai pouco saiu un estudo no que aparecían estas partículas na placenta, ou no sangue. Aínda falta moito por investigar.

En caso de que se continúe incrementando a polución con plásticos, podería chegar a ser o da inxesta un problema de saúde pública?

É difícil facer un prognóstico. Hai uns meses saiu unha nova de que no 2050 vai a haber máis de plástico que peixes nos océanos, pero claro, iso é unha predicción en base aos modelos actuais de produción de residuos plásticos. Pero a día de hoxe o planeta está en alerta, e a nivel de investigación estase a facer moitísimo para reducir eses números.

Por iso considero que daquí a dez anos veremos que hai unha redución na cantidade de plástico que se emite ao mar anualmente. Non creo que cheguemos a esas cifras apocalípticas.

Ademais, creo que non debemos demonizar o plástico que para o ser humano é un material moi útil e con moitas aplicacións. Temos que enfocarnos na eficiencia da xestión para que unha vez se convirta en residuo non pase á natureza, e con iso a nós.

Estase a actuar a nivel político nesa dirección?

Pois por exemplo a min a política de eliminar os plásticos de un solo uso paréceme moi interesante, e nesa dirección estase traballando. O problema está en que non sempre se están a atopar os materiais adecuados que satisfagan ao consumidor do mesmo xeito. Un exemplo son as 'pajitas', que se está a experimentando con diferentes tipos de materiais pero á maioría parece que lles falta algo.

E iso pasa tamén con outro tipo de usos que se lle dá ao plástico. O problema que presenta o plástico como residuo é que é acumulativo, entón ainda que logremos baixar moito a cantidade de resíduo plástico, só mitigaremos o problema, porque a curva seguirá crecendo aínda que a un ritmo máis baixo.

“Considero que daquí a dez anos veremos que hai unha redución na cantidade de plástico que se emite ao mar anualmente”

Precisamente con respecto á acumulación, chama moito atención a coñecida como a gran illa de plástico do Pacífico, que está situada entre California e Hawái, cunha superficie equivalente a tres Españas. Non hai ningún xeito de librarnos de algo que está tan localizado?

Realmente cando se fala desa illa moita xente visualiza algo súper agresivo á vista, pero a verdade é que estamos falando só dunha área de concentración de plástico maior que noutras zonas do mundo. Non é que pases por alí en helicóptero e salte á vista algo tan nocivo.

Esta área sitúase a centos de millas de California. Entón, poder retirar plástico de aí dun xeito mecánico é terriblemente custoso. Non obstante, hai grupos de investigación que están traballando en identificar pequenos microorganismos ou enzimas que sexan capaces dalgún modo de dixerir estas partículas plásticas falta por ver se son eficientes nunha escala diferente á do laboratorio e se poden ter difusión no océano.

Do mesmo xeito que co cambio climático, para tratar de combater a contaminación con plásticos do medio mariño, é preciso abordalo de xeito internacional. Estanse dando xa pasos neste sentido?

Pois si, ao igual que hai un panel intergubernamental para o cambio climático como o IPCC, existe xa unha estrutura similar para o tema de contaminación plástica. Trátase do INC-2, que tivo en París a súa segunda xuntanza na última semana de maio.

É un proceso que está todavía na súa fase inicial cun diálogo non só transacional senón tamén co sector privado para buscar solucións e tratar de xerar unha gobernanza mundial con respecto a contaminación plástica. Ao parecer aínda existe unha forte resistencia de parte das empresas produtoras, pero hai que ser positivos porque hai experiencias de éxito de colaboración transnacional en aspectos medioambientais como na recuperación da capa de ozono.

Tras unha década xa facendo carreira fóra de Galicia, que tería que pasar para que volveras de xeito definitivo?

Eu creo que para volver a Galicia como investigador eu sempre estaría aberto a todas as propostas. Realmente, neste momento estou moi contento no espazo no que me desenvolvo e ademais sempre me deron moita flexibilidade para manter contacto con instituciones galegas e facer ciencia con Galicia. Entón realmente, pois nunca desapareceu do meu traballo diario por completo.

Sería bonito, e é probable que regrese nalgún momento. Hai un programa de recuperación de talento de docentes e investigadores que están no estranxeiro, unha especie de plan retorno que non funcionou como se esperaba, pero que eu creo que sería interesante que continuasen adiante.