Aparece en plano 'selfi' un home de mediana idade, barba recortada, o mar de fondo. Coa man esquerda levanta unha centola, amósao un par de segundos --"20 euros", recita-- e tírao á auga. "40 euros, 60 euros". Ata chegar a 140. Son os cartos que Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro do Porto do Son, bota pola borda un día calquera durante a veda do crustáceo. O vídeo está dispoñible nas súas redes sociais, onde acumula miles de interaccións. Se cadra é o de máis éxito, pero non é nin moito menos o único: pódeselle ver ensinando unha especie rara na nosas costas ou comentando as características da faneca brava. E é que hai tempo que Rogelio dedica parte do seu tempo a difundir o seu día a día, onda seu irmán, traballando nunha lancha na ría de Muros e Noia. Quere que a xente coñeza a riqueza do mar galego, e tamén busca loitar contra o estigma e a mala fama da profesión. "Non somos uns arrasadores", enfatiza, e asegura que a maioría do sector non só cumpre, senón que vai máis aló da normativa á hora de protexer o seu medio de vida.

A historia de Rogelio ten vimbios de guión de película realista. Con 13 anos o seu pai morreu nun accidente laboral no mar, así que tivo que deixar os estudos para botar unha man na casa. Con 18 meteuse a mariñeiro, profesión que leva 25 anos exercendo. Xa preto dos 40 decidiu rematar a secundaria e facer tamén o bacharelato. Foi aí onde un profesor de Lingua Castelá, a través dos seus comentarios de texto, detectou o seu talento narrativo. Animouno a escribir en Internet e Rogelio axiña se decatou de que os textos que máis gustaban eran os que dedicaba ao mar e ás súas circuntancias, así que apostou por crear unha páxina de Facebook só para eses contidos. Ao longo dos últimos meses a súa repercusión nas redes, que manexa coa mesma maña cás que lle dan de comer, non fixo senón medrar.

"Hai un gran descoñecemento do mar, facía falta que desde o sector se dese a coñecer", expón sobre o éxito que está a acadar. Cre que a énfase nas operacións contra os furtivos --que non critica-- e un certo desleixo compartido entre administracións e profesionais á hora de comunicarse coa sociedade para trasmitirlle o seu labor crearon desconexión e axudaron a formar esa idea dos mariñeiros como "esquilmadores".

Rogelio recibe con satisfacción a acollida e as gabanzas, pero disgústanlle os comentarios do tipo "es o único", "oxalá todos fosen coma ti", cando, por exemplo, devolve ao mar un rodaballo que por un par de centímetros non dá a talla. "Eu vexo a compañeiros que volven a porto co lixo que atopan no mar e non cobran por facelo; outros liberan as raias pequenas dos aparellos co traballo que dá". Rogelio temía que esas mensaxes de agravio por parte dalgúns seguidores puidesen xeran malestar entre os compañeiros, pero non foi tal, ao contrario, se lle achegan para darlle os parabéns ou para contarlle prácticas sustentables que fan eles nas súas embarcacións. Ou ata lle escriben por privado para preguntarlle que tipo de raias están en veda e cales se poden pescar. "Creo que as boas accións e que os mariñeiros vexan o bo efecto delas nos comentarios na xente que non é do mar inspira boas accións. O mal exendra mal, o ben, ben. Os mariñeiros non podemos dicirlles aos turistas ou á xente que non é profesional que non colla nada nas praias ou no mar, se nós non respectamos", explica.

Un comentario habitual entre a xente do mar é que a produtividade nas rías galegas non é a que era. Rogelio, coa súa bagaxe dun cuarto de século, tamén é desa opinión. "En Galicia hai moitísima riqueza, pero non é nin a metade que fai 25 anos, nin en cantidade nin en diversidade", expón, "pola sobrepesca e tamén pola actividade humana en terra". Quere verlle o lado positivo, o da mellora económica e no nivel de vida de moitas comarcas nas últimas décadas, pero agora toca respectar as normas para que as seguintes xeracións poidan gozar dese tesouro.

Bota en falta, iso si, máis apoio por parte das administracións. Bátense récords de descargas en lonxa, pero cada vez máis barcos son despezados e é máis difícil atopar tripulantes nos portos galegos. "Algo falla cando [malia as boas cifras] o sector o pasa mal; fan falta medidas para coidar tamén da xente que traballa no mar". Mentres tanto, co seu móbil na man, el seguirá loitando por difundir un oficio que marcou a lume a identidade galega e que non deixou de encoller.