María Xosé Queizán (Vigo, 1939) volta á creación poética con "Cólera" -editado por Xerais- testemuña da carraxe de varias xeracións que viviron na longa noite de pedra. Nomes como Raimundo Patiño, Amador e Daniel (os obreiros de Bazán asasinados en Ferrol no 1972 nunha protesta) ou Carmiña, militante da UPG, protagonizan este poemario.

- ¿Por que "Cólera" para nomear esta obra?

- Ese título reflexa a cólera, a rabia que sentíamos nas épocas de resistencia da dictadura franquista, naquelas manifestacións, folgas, no enfrontamento contra os grises; nas detencións, no exilio...

- ¿Fíxoselle doado plasmar esa carraxe nun poemario?

- Desde logo foi máis doado ca noutro xénero coma o ensaio ou a prosa porque son xéneros máis obxectivos; mentres que a poesía préstase á exaltación, á paixón, a expresar con palabras os sentimentos e toda esa rabia.

- ¿Gustoulle a película "Salvador (Puig Antich)"?

- Quedeime sen vela.

- De todos os xeitos, ¿cre que no cinema e na televisión contouse xa todo sobre esa época?

- Non, hai moitas cousas por contar. Sempre as hai porque a perspectiva de quen as conta é diferente. Non todo o mundo vivimos as mesmas situacións nen sacamos as mesmas conclusións.

- A pesar de ter pasado xa décadas trala dictadura, pódese dicir que a carraxe persiste.

- Haberá xente que continúe niso pero será moi malo para a súa saúde. Eu téñoo superado. Vivín con moita alegría a democracia; celebro vivir nunha liberdade, nunha democracia; aínda que é certo que sempre me movo por un futuro mellor. Non está nada acadado nin nada é perfecto pero o nivel de tolerancia que conseguimos nos últimos anos é enorme.

- Vostede mesmo sufríu rexistros na casa. ¿Pasou moito medo?

- Pasei un medo e unha dor terribles. A miña casa foi rexistrada moitas veces. Poñían todo patas para arriba. Era coma unha violación da túa vida e do teu espazo e tardas moito tempo en recuperar aquel lugar como teu. Por outra parte, estaba o medo a que atoparan algo ou o que pensaran que encontraran algo. Iso podía significar algo moi grave, a detención, a cadea, os xuízos...

- Pero vostede zafou.

- O meu marido de aquela (Xosé Luís Méndez Ferrín) foi detido en dúas ocasións. E eu, unha vez, estiven a piques. Foi bastante dramático... Estas cousas foron así; tampouco é cuestión de rememoralo, de recrealo. Eu vivo con sastisfacción de poder acadado a liberdade.