Francia inspira o debut de Troula no teatro de rúa

A compañía viguesa desenvolveu o seu novo espectáculo nunha residencia artística no país galo tras gañar un certame de dramaturxia

Representación do novo espectáculo da compañía viguesa Troula Animación.

Representación do novo espectáculo da compañía viguesa Troula Animación. / Laura Di Prospero

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Transcorre en catro panais ben diferenciados. No primerio, ten lugar o nacemento dunha abella mestra e a vida do enxame discorre con normalidade até que fan a súa aparición os denominados “fumigatis”, evolucionando a un segundo escenario, o mundo industrializado, no que estes personaxes comezan a dar ordes ás abellas coma se fosen as súas súbditas. Baixo un réxime de control chega así a terceira itinerancia, un mundo de consumo no que a abella mestra tenta ser derrocada ante a presenza dunha vespa velutina, mais cando todo parece perdido, xorde un cuarto escenario no que a unión do enxame obra un milagre.

O colapso da humanidade recreado dentro dun panal de abellas é a trama que guía o novo espectáculo de Troula Animación, Hexagonum, unha historia coa que a compañía viguesa logrou conquistar ao xurado dun certame de dramaturxia convocado a nivel nacional pola Asociación Nacional de Profesionais das Artes de Rúa, Patea, e que fixo posible que a proposta se desenvolvera nunha residencia artística en Francia. Foi así como o país galo inspirou o texto dramático, indicando un dos seus creadores, Diego Roca, que a oportunidade de traballalo na residencia francesa “abriunos a posibilidade de coñecer novos campos e mostrounos a realidade doutras compañías do sector, así como a forma diferente de traballar as artes de rúa en Francia, máis equiparadas á ópera, ao teatro ou á danza. Para nós foi todo un descubrimento xa que en Galicia fomos dos pioneiros nas artes de rúa e descoñeciamos esa profesionalización do sector”.

Para nós foi todo un descubrimento, xa que en Galicia fomos dos pioneiros nas artes de rúa e descoñeciamos esa profesionalización do sector

O proxecto de Hexagonum xestouse así en Le Fourneau, Centro Nacional de Artes de Rúa da cidade francesa de Brest, e Diego Roca conta que “para nós foi unha experiencia moi novidosa porque as artes de rúa alí están moi avanzadas e aprendemos moitísimo. A diferencia de anteriores espectáculos de Troula, no novo está moito máis traballada a dramaturxia, é dicir, adentrámonos con el no teatro de rúa. Malia que os elementos de animación de sempre, como a pirotecnia, a percusión ou a interacción sigan presentes, hai un compoñente dramático, de maneira que logramos unha dramaturxia en rúa e en itinerancia en gran formato”.

Se ben a estrea tivo lugar o pasado mes de marzo na Illa de Arousa, o obxectivo de Troula é lograr novas confirmacións en Vigo ou Redondela, e no resto de Galicia, para rodar Hexagonum o máximo posible “na casa” e logo poder proxectalo a nivel nacional e internacional, dado o seu potencial. Neste senso, Diego Roca afirmou que “levamos moitos anos loitando por introducir artes de rúa en toda Galicia e estamos moi orgullosos porque funciona moi ben, pero aínda hai moi poucos festivais que as promovan”, destacou o integrante de Troula.

Suscríbete para seguir leyendo