Reinventar a mirada cara o amor LGBTI

Unha curta da viguesa Alma Alonso vén de ser recoñecida no Latino and Native American Film Festival entre máis de 2.500 candidaturas

O equipo de gravación de “Moitos moito”, con Alma Alonso á dereita na primeira fila.

O equipo de gravación de “Moitos moito”, con Alma Alonso á dereita na primeira fila. / Cedida

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Retratar ese primeiro amor entre dúas mozas universitarias centrándose nas emocións, sen escenas sexuais explícitas e pouco realistas, fuxindo de dramas e traxedias, para sinxelamente representar un namoramento dende o cotiá e tocar a fibra das espectadoras e dos espectadores. Ese era o obxectivo da viguesa Alma Alonso cando comezou a rodaxe da curtametraxe que gravou o ano pasado como Traballo de Fin de Grao, unha proposta que traspasou as portas da Facultade de Comunicación de Santiago e que agora vén de ser recoñecida na categoría “Young Filmmaker” do Latino and Native American Film Festival, en New Haven (EE UU), entre máis de 2.500 candidaturas.

Moi emocionada polo dito recoñecemento a Moitos moito, Alma Alonso indica que “estamos moi contentas porque se presentaron curtametraxes de todo o mundo e, das 2.500, seleccionaron a 300, e a nosa estaba entre elas. É moi emocionante porque foi gravado sen orzamento, de xeito moi humilde e en galego. O equipo estaba formado por outra xente da miña facultade e tamén compañeiras de Filoloxía, todas eramos estudantes e funcionou moi ben. En xuño estreámola no Festival Ambienta, en Pontevedra, e en inverno en Bos Aires, ata que a levamos a Estados Unidos”.

Intentamos facer o audiovisual que nos gustaría consumir

Con respecto á produción, Alma Alonso indica que “non hai unha trama fixa, queriamos facer unha curta feliz na que reflectir o día a día nunha relación, neste caso, entre dúas rapazas universitarias. Somos moi conscientes de que cando vemos contido audiovisual LGBT, as historias acaban de forma tráxica e semella que as rapazas sáficas ou bisexuais non poden ter unha historia feliz. Non queriamos que houbese ningún drama na curta, senón que fose unha especie de aperta para poñerlle o corazón brandiño a quen a vexa”.

En marzo de 2023, Alma Alonso xa acadou outro recoñecemento xunto a María Aragón no CIMA 10, un certame lanzado a nivel nacional pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) e no que a curtametraxe Señora, por favor, foi seleccionada por Amazon Prime. Daquela, Alonso destacaba a importancia de dar presenza a perfís de mulleres que non son habituais no audiovisual e o mesmo acontece en Moitos moito: “Intentamos facer o audiovisual que nos gustaría consumir. Neste caso a historia non se reduce a ser lesbianas ou bisexuais, dende outra mirada, queremos retratar ese primeiro amor no que non hai escenas sexuais nin nada. Inspirámonos no estilo de Heartstopper, centrándonos nas emocións”, comenta esta creadora audiovisual.

A curtametraxe está dispoñible en YouTube e Alma Alonso xa está traballando na que será a súa primeira longametraxe, A rebelión da lectura, sobre o Espazo Lectura de Gondomar.

Suscríbete para seguir leyendo