Bouzas recupera o sábado de Entroido

A Cultural celebra a festa aprazada en febreiro pola chuvia con música en directo e tatuaxes e brillibrillis para menores

Tiveron que pasar dous meses para que Bouzas puidese celebrar o sábado de Entroido, aprazado o 10 de febreiro polo temporal.

A Asociación Cultural Vila de Bouzas, máis coñecida como A Cultural, recuperou o programa festivo, con música en directo do grupo local Sehiba, un posto de tatuaxes temporais e brillibrillis para os menores... e disfraces, claro. O tempo, desta vez, si que acompañou: o sol estivo presente e as temperaturas, por riba dos 20 graos.

A xornada festiva, que comezou ás 18.00 horas e se prolongará ata as 21.00 horas, era unha “débeda co pobo”, como sinalaron desde a organización, despois de verse obrigada a suspendela en febreiro. Con temas dos anos 70, 80 e 90 e a participación da veciñanza, a alameda Suárez Llanos converteuse nunha discoteca ao aire libre. Foi o plan escollido por algúns cidadáns despois de ir a refrescarse á praia nun día no que a cidade superou os 25 graos.

Desde A Cultural trasladaron a súa satisfacción por ter rescatado esta festa de Entroido, un evento que, ademais de enxalzar as festividades propias da terra, saca un sorriso ao comercio local, sobre todo, aos negocios hostaleiros da zona. Este é precisamente un dos motivos polo que a organización decidiu non contratar postos de comida e bebida para este tipo de actividades festivas. “Dedicámonos a fomentar a cultura, non queremos entrar a competir cos establecementos da vila”, argumentaron.

Deste xeito, A Cultural dá por finalizado o Entroido de 2024, que só puidera celebrar co Enterro da Rincha e a Rinchiña, unha festa con espírito crítico creada en 2020 por esta asociación coa colaboración da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas.

A entidade de Bouzas descarta dar continuidade a esta celebración primaveral que tivo que ser trasladada en febreiro. “Apostamos por rescatar os nosos costumes. Seguir con esta festa fóra da súa época sería unha invención”, comentan antes de invitar a veciñanza que lle gustan os disfraces a participar no Guateque Abur Verán do mes de setembro.