O aquelarre literario de Ledicia Costas

Xerais lanza o adianto editorial da nova novela da autora viguesa tecendo unha comunidade de “bruxas” a través das redes sociais

Caixa promocional do adiantoeditorial de “Pel de cordeiro”.

Caixa promocional do adiantoeditorial de “Pel de cordeiro”. / MARTA G. BREA

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Repousan sobre cintas de rafia dúas velas, un dente de allo, dúas plumas de cor negra coma o carbón que facilmente poderían ter pertencido a un corvo e un atado de pequenas pólas de ruda, nove exactamente, a modo de remedio e suxeitas cun cordón vermello que culmina cunha figa de puño pechado. Se a man remexe as fibras, palpará delicados copos de pan de ouro, estrelas douradas, pero tamén un par de arácnidos ben agochados e dous frascos cunha variedade de sete herbas aromáticas distintas, cuxa selección foi premeditada. Nada queda ao azar, non se dá puntada sen fío, e non é posible unha volta atrás, porque nas redes sociais xa hai un aquelarre literario prendido e o meigallo corre como a pólvora.

Todos estes elementos son os que envolven o adianto editorial da nova novela da escritora viguesa Ledicia Costas, Pel de cordeiro, cuxa publicación está prevista o vindeiro mes de maio e cuxos dous primeiros capítulos vén de lanzar Xerais, que apostou por desenvolver unha estratexia de promoción moi distinta ao habitual. Co obxectivo de tecer nas redes sociais unha comunidade de “bruxas” previa, a editorial decidiu remitir a preto dun centenar de persoas vencelladas ás librarías, bibliotecas e, por suposto, á comunidade lectora presente no eido dixital, este pequeno paquete e a avalancha de mensaxes que están recibindo a editorial e Ledicia Costas tenos “impresionados”.

É a propia autora quen conta que “esta foi unha aposta pola innovación editorial, defendendo que dende Galicia tamén podemos crear hype (estratexia de marketing que procura crear altas expectativas chamando a atención do público) cunha novela, sorprender a través das redes sociais e estamos impresionados, porque foi un furacán, estou todos os días recibindo mensaxes. A proposta de Xerais de crear este aquelarre enviando a caixa a prescritoras tamén pon de manifesto que temos unha rede de persoas que se dedican a prescribir libros que é marabillosa”.

Costas sinala que todos os elementos que se inclúen no paquete “están moi ben fiados co universo da novela” e destaca que, “a xente, ao recibir algo alternativo, conecta moito e é moi agradecida. Agora mesmo as redes están cheas de contido no que hai unha grande implicación e estou moi agradecida, non deixan de pedir o resto da novela”, comenta entre risas.

O aquelarre literario de Ledicia Costas

A escritora viguesa Ledicia Costas. / FdV.

Pel de cordeiro aínda non é unha realidade material e xa ten enmeigados aos fieis lectores e lectoras da autora viguesa, quen recoñece que esta nova novela é “literariamente arriscada, ambiciosa e que trata temas que agardo que xeren debate. É un texto moi especial, que sae nun momento moi concreto e sei que vai supoñer un punto de inflexión na miña narrativa”.

Foi unha aposta pola innovación editorial defendendo que dende Galicia tamén podemos crear "hype" cunha novela

Ledicia Costas advirte xa no adianto editorial que esta publicación é a que mellor a describe e, neste senso, indica que toda a súa fascinación polo esotérico está condensado nunhas páxinas que conxugan o espertar sexual, a violencia, a maxia e a escuridade, e que relatan, por unha banda, a historia de Catarina, herdeira dunha estirpe de bruxas que afonda nos segredos das plantas medicinais e, por outra banda, a realidade de Lola, unha muller contemporánea que atravesa unha crise persoal.

Se ben o aquelarre literario vén de estourar no mundo dixital, o certo é que a propia autora xa prendera a faísca hai tempo, pois no Twitter foi describindo o proceso de creación desta novela, comentando dende a música que escoitaba para escribir a partillar os seus altibaixos e alegrías. Tanto a promoción actual do libro como os “chíos” que ela lanzaba a través de Twitter son unha boa mostra de como o dixital e o papel conviven e, neste senso, fai referencia a unha curiosidade: “Estas dúas realidades tan afastadas entre si están conectadas neste caso a través dunha bruxa de verdade, porque foi unha bruxa quen dende Pontevedra elaborou artesanalmente todos os materiais e estou encantada, todo o que está no paquete ten un significado, a bruxería está unindo o papel co virtual, é fantástico porque a bruxería é o fío que tamén cose estas páxinas”, conta Ledicia, quen tamén confesa que está desexando que o resto de Pel de cordeiro chegue a todos os fogares, xa que nela está o pouso da súa infancia. “Convivín con naturalidade co mundo do sobrenatural, porque me criei a carón da casa dunha bruxa, e iso segue presente. A xente vai a bruxas, pero non conta que vai a bruxas”, conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo