Carta na mesa, muller descuberta

As creadoras dun proxecto lúdico galego para divulgar a historia do feminismo presentan en Vigo o xogo “Invisibilizadas”

Raquel Veiga, Noelia Darriba e Tania Merelas, onte, na presentación dos naipes en Vigo.

Raquel Veiga, Noelia Darriba e Tania Merelas, onte, na presentación dos naipes en Vigo. / Javier Teniente

Carolina Sertal

Carolina Sertal

En plena Idade Media, a cabalo entre os séculos IX e X, unha abadesa alemá describiu por primeira vez o orgasmo feminino. Filósofa, naturalista, física, compositora, poeta e lingüista, considerada na actualidade como a escritora máis prolífica do medievo, Hildegard von Bingen clarexou unha época na que as mulleres tiñan prohibido interpretar as sagradas escrituras ou desenvolver calquera tipo de traballo científico. Malia as trabas do momento, esta pensadora xermánica non só elaborou tratados médicos ou textos sobre ciencias naturais, senón que os seus coñecementos botánicos incluso a levaron a transformar o proceso de elaboración da cervexa, pois foi ela quen introduciu o lúpulo para preservar a bebida e dotala de amargor.

Ao longo da historia, pese a tratarse da muller máis influente da Baixa Idade Media, Hildegard von Bingen foi invisibilizada e esquecida pola narrativa e é precisamente co obxectivo de devolverlle, a ela e a tantas outras, o lugar que lle corresponde que as educadoras sociais Noelia Darriba, Tania Merelas e Raquel Veiga deseñaron o xogo de cartas “Invisibilizadas”, unha espiral do tempo para divulgar a historia do feminismo e das mulleres a través dun proxecto lúdico con selo galego.

A idea xurdiu da necesidade de dispoñer de material didáctico para traballar a historia e os logros feministas nas aulas

As creadoras levaron a cabo onte a presentación dos naipes con perspectiva feminista en Vigo, no centro social A Morada, e Noelia Darriba explicou que “a idea xurdiu da necesidade de dispoñer de material didáctico para traballar a historia e os logros feministas nas aulas de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e con dereitos humanos igualitarios, porque apenas existen xogos deste estilo e moito menos en galego. O primeiro lanzámolo a finais do ano pasado e estaba centrado en acontecementos importantes e o segundo, que presentamos agora, recolle a unha serie de mulleres que destacaron na historia e que foron invisibilizadas durante moito tempo”.

Dende a inventora do parabrisas, Mary Anderson, á pioneira árabe Fátima al-Fihri, quen fundou a primeira universidade do mundo no ano 859, ou Celeste Caeiro, a traballadora que repartiu os caraveis que iniciaron a Revolução dos Cravos en Portugal, estas son algunhas das mulleres que rescatan Raquel, Noelia e Tania na segunda parte deste proxecto pioneiro. E como se xoga? Darriba indica que “a finalidade é crear unha liña do tempo, de xeito lúdico e dinámico, de maneira que existen dúas cartas iguais, pero nunha aparece a data na que tivo lugar o logro da muller en cuestión. As pioneiras que recollemos nestas cartas fixeron contribucións a nivel internacional e, aínda que tamén incluímos a alguna galega, intentamos reservalas porque o seguinte e último xogo que lanzaremos estará integramente dedicado a mulleres galegas”, afirma.

Suscríbete para seguir leyendo