Lavadores revive a súa danza gremial

A Irmandade de Festas de Santa Cristina recupera este ano a tradicional Farsa de Damas e Galáns que data do século XVII e que leva case 100 anos sen bailarse na parroquia

Xilografía de 1879 realizada por Meléndez y Conejo que recolle a danza na romaría de San Roque.

Xilografía de 1879 realizada por Meléndez y Conejo que recolle a danza na romaría de San Roque. / Cedida pola Irmandade de Festas de Santa Cristina de Lavadores

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Foron os xastres e os zapateiros os primeiros en iniciar o rito na parroquia. Non se sabe ben a súa orixe; se cadra por unha crise nas colleitas, se cadra por algunha doenza endémica... pero do que si quedou constancia é de que aqueles artesáns da aldeíña de Santa Cristina foron os artífices da danza branca ou gremial de Lavadores no século XVII. Co paso dos anos, e posto que Santa Cristina é a patroa dos mariñeiros e muiñeiros, foron collendo o relevo outros gremios, sendo os labregos os últimos en darlle continuidade a aquela tradición danzante.

Catro damas, vestidas de branco, con saias de cores e chapeus de palla, portaban en cada man un pano e castañolas de madeira que repicaban na segunda parte do baile. Oito galáns lucindo un traxe branco, unha faixa de seda encarnada e un sombreiro de copa alta. E por último, un guía con pantalóns curtos vermellos e chaqueta branca ou verde, ademais do chapeu de palla cunha pluma encarnada e un pano na man. Engalanados deste xeito, así bailaban os artesáns o 15 de agosto na procesión da Virxe do Rosario ou Virxe da Asunción, acompañando á imaxe fóra da igrexa e facéndolle reverencias e saúdos ás portas do templo, para finalmente deleitar aos asistentes con tres escenificacións no adro de Lavadores, para ao día seguinte volver a interpretar o baile na romaría de San Roque.

Integrantes da Irmandade que rescatará a danza gremial na parroquia de Lavadores.

Integrantes da Irmandade que rescatará a danza gremial na parroquia de Lavadores. / FdV

A denominada Farsa de Damas e Galáns de Santa Cristina de Lavadores acabou esmorecendo co paso dos anos, perdéndose así unha tradición secular. Porén, a parroquia viguesa terá a oportunidade de viaxar no tempo o vindeiro 24 de xullo e revivir aquela danza gremial en vivo e en directo, pois froito dun gran esforzo e labor de documentación por parte da Irmandade de Festas de Santa Cristina de Lavadores, trece persoas recrearán o baile aproveitando o marco das festas da patroa, que levaban máis dunha década sen celebrarse por falta de relevo na comisión.

Eu son neto do sacristán de Lavadores e nunca ninguén me falou desta danza. Había algunhas referencias no repertorio do ballet Rei de Viana e pouco a pouco fomos buscando máis documentación ao respecto ata que apareceu unha partitura que recollía a música orixinal. Esta foi transcrita por Reveriano Soutullo para o seu amigo Castro Sampedro e quedou recollida no libro O Baile en Galicia, de Juan J. Linares”, explica o vicepresidente da Irmandade, Fernando Souza, quen tamén apunta que, “ao principio non entendiamos por que aquela danza nacía no gremio dos zapateiros e dos xastres, pero logo investigamos que o motivo era a proximidade ao río, pois había curtidoiros e no río era onde lavaban o coiro. Co anexión de Lavadores a Vigo, a memoria foise perdendo e esa danza gremial hai case un século que non se baila”.

A memoria foise perdendo e esa danza gremial hai case un século que non se baila

A Irmandade de Festas de Santa Cristina tamén topou cunha xilografía datada en 1879 e cuxa autoría corresponde a Meléndez y Conejo. Aquel gravado foi recollido por Castro Sampedro e ao seu pé aparece unha frase moi reveladora: “Tipos y costumbres populares de Galicia: La danza (romería de San Roque en Vigo”. Os integrantes actuais da comisión de festas comprobaron que ambas fontes de información coincidían na descrición dos bailaríns participantes na Farsa de Damas e Galáns de Santa Cristina e, con toda a documentación etnográfica e musical compilada, decidiron poñerse en contacto coa Asociación de Folclore O Fiadeiro para iniciar a recuperación da danza gremial da zona, de maneira que iniciaron a confección dos traxes e dos chapeus, aínda en fase de elaboración.

O vindeiro 24 de xullo, Lavadores revivirá por primeira vez nun século a súa danza branca, devolvendo a memoria á parroquia e tamén á cidade olívica, pois malia que tamén existe constancia doutros bailes semellantes en Santa María de Castrelos e en Candeán, chegando a contabilizarse nun ano de peste até once danzas da comarca reunidas para pedir protección á Virxe, o certo é que a de Santa Cristina foi a que se conservou no tempo. “Non é un baile de alegría, senón de respecto, de serenidade. Á beleza plástica desta danza contribúen a gaita e o tamboril”, remata describindo a Irmandade, quen xa contempla recuperar o baile na romaría de San Roque do vindeiro 2024.

Suscríbete para seguir leyendo