Unha mostra para descubrir a Del Riego e “a súa vida dedicada integramente a Galicia”

A exposición sobre o protagonista das Letras Galegas deste ano estará aberta na Casa Galega da Cultura ata o 17 de decembro

Asistentes onte á inauguración da exposición sobre Del Riego. |   // RICARDO GROBAS

Asistentes onte á inauguración da exposición sobre Del Riego. | // RICARDO GROBAS / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Unha exposición para coñecer a figura de Francisco Fernández del Riego e o seu protagonismo na cultura galega pode verse dende onte no vestíbulo da Casa Galega da Cultura. O agasallado este ano polo Día das Letras Galegas é o protagonista desta mostra organizada pola Fundación Penzol, da que Del Riego foi o seu presidente entre 1997 e 2001. A exposición poderá visitarse até o domingo 17 de decembro.

Trátase dunha mostra fotobiográfica que permite recorrer vía fotografías impresas en paneis “a traxectoria dunha personalidade de máxima relevancia na cultura galega contemporánea”, explican os seus promotores. Os seus biógrafos teñen destacado del que Francisco Fernández del Riego “xogou un papel clave na vinculación do universo do exilio franquista e maila Galicia do interior”. Del Riego foi “unha das grandes figuras da resistencia e da revitalización cultural do galego tras guerra civil, cofundador da editorial Galaxia e de moitas outras iniciativas para a recuperación da lingua e identidade de Galicia”, subliñan.

Del Riego foi o promotor no seo da Real Academia Gallega da celebración do Día das Letras Galegas e presidiu a RAG, que agora o homenaxea por ser exemplo dunha “vida dedicada integramente ao seu país” .

As Letras Galegas coinciden co centenario do seu nacemento e o sexaxésimo aniversario desta gran festa da cultura galega.

A exposición tamén inclúe unha mostra bibliográfica que recolle unha selección da súas obras máis significativas, así como doutras de diferentes autorías que tratan sobre a figura de Del Riego.

Francisco Fernández del Riego é autor dunha extensa obra. A súa sinatura está presente en máis de 150 monografías, traballou como prologuista, editor literario ou tradutor en case un centenar de títulos e asinou máis de 4.000 colaboracións en publicacións periódicas.

Esta mostra pretende ser “unha introdución á súa obra e ás súas intensas e extensas actividades a prol de Galicia e da súa cultura” e tamén é unha invitación a coñecer a Casa Galega da Cultura, que acolle a súa biblioteca, arquivo e museo, doazón que realizou “ao pobo de Vigo” en 1995, así como a biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol, que Del Riego dirixiu dende a súa creación en 1963 ata pouco antes do seu falecemento en 2010.

Na inauguración da exposición, participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo Víctor, e Malores Villanueva, biógrafa de Del Ruego e secretaria da Fundación Penzol. Tamén estivo presente o presidente da Fundación Penzol, Ramón Martínez Bermúdez, en representación da familia de Francisco Fernández del Riego.

Suscríbete para seguir leyendo