Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Ramallo | Catedrático de Lingüística na UVigo

“Cando un le a Ferrín xa se percata ao momento de que é un monumento do saber”

O MARCO acolle a presentación de dous novos volumes dos artigos publicados por Xosé Luís Méndez Ferrín en FARO

Fernando Ramallo cos tres volumes de artigos de Méndez Ferrín publicados en FARO. ALBA VILLAR

Unha achega poliédrica con temáticas vencelladas coa cultura, a política, a historia, a literatura, o mundo animal ou a gastronomía, entre outras. É o que poderán atopar os lectores e lectoras nos dous novos volumes que recollen dúas etapas diferenciadas de “No fondo dos espellos”, a sección que, sábado a sábado, o escritor galego Xosé Luís Méndez Ferrín publicou no Faro de Vigo dende o ano 2007, e que mañá serán presentados no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

No acto, que terá lugar ás 19.00 horas, estará presente o propio autor, Méndez Ferrín; o director de FARO DE VIGO, Rogelio Garrido; o coordinador das publicacións, o catedrático de Lingüística na Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

–Que Ferrín poderán descubrir os lectores nesta ocasión?

–Nas novas publicacións os lectores van atopar esa acumulación de saberes que ten Ferrín que van dende coñecementos vencellados ao mundo da cultura, da literatura, da política en menor medida, da entomoloxía, do mundo dos viños, da ficción, da cultura galega, española e mesmo internacional... Son moi diversas as temáticas que aborda e cando un comeza a ler os seus textos xa se percata ao momento de que é un monumento do saber o que ten este home acumulado, e que é quen de expoñelo para todos os lectores de Faro de Vigo. A variedade temática é extraordinaria, o que permite ler os libros sen ningún tipo de seguemento; agás os sete que publicou sobre Castelao ou os tres sobre Jules Verne, o resto pódese empezar a ler por onde cadaquén queira.

–Os primeiros artigos que se compilan agora dan comezo no ano 2007, hai algunha evolución no estilo ou mantense fiel aos inicios co paso do tempo?

–Oestilo é sempre o mesmo. Os artigos de Ferrín esixen certa lectura atenta, non é unha lectura que se faga de corrido, hai unha lectura pausada, reflexiva, polo seu carácter epistemolóxico, pero el é o mesmo. É o mesmo Ferrín o de 2020 que o dos inicios destes textos. Non se ven cambios nestes últimos anos e é algo que se agradece, porque falamos dun estilo que é moi sólido e, dende logo, sobresaliente.

–Como foi o proceso? Que supón para vostede poder ter coordinado esta selección?

–Formar parte desta escolma é unha honra e estou moi agradecido. Este proceso deu comezo cando eu era director da Área de Normalización Lingüística na Universidade de Vigo e foi unha labor moi entusiasta e con moito traballo de fondo, porque os textos no estaban no ordenador. Hai un traballo de edición previa extraordinario, de corrección de erros por parte do propio autor, que na súa lectura a posteriori engadiu ou retirou liñas. Sen dúbida para min foi a labor que máis agradezo durante a miña etapa como director de Área, porque foi una gran oportunidade a que se me brindou, grazas ao propio autor e tamén a Faro de Vigo, e agora temos tres libros nos que está compilada toda a obra ensaística de Xosé Luís Méndez Ferrín.

–Co valor que implica respecto á súa traxectoria.

–Si, porque é certo que agora temos as hemerotecas dixitais, pero no referido a publicacións xornalísticas, estas se caracterizan por ese valor efémero que teñen. A cuestión é que neste caso non falamos de noticias, senón que falamos dunha sección do autor máis relevante dos últimos 50 anos na Galicia contemporánea, que máis alá do literario, fai unha achega ensaística moi importante, cunha fonda madurez e que, ao final, agás contados lectores de Faro de Vigo que se cadra gardaron algúns recortes, acababa perdéndose cada sábado que pasaba, que era cando publicaba semanalmente. Con estas publicacións, agora temos uns 700 artigos recopilados nuns volumes que calquera pode mercar nunha libraría e por iso estou moi agradecido ao autor, por facelo posible.

Compartir el artículo

stats