Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lúa Mosquetera Poeta

"A miña poesía é honesta; ás veces a realidade que se pon enriba da mesa é tan alarmante que acaba converténdose en reivindicación"

A poeta, unha das principais referentes na poesía escénica galega actual, visitará mañá Vigo con motivo do Día do Libro e ofrecerá un recital no Casco Vello

A poeta Lúa Mosquetera. FdV

É moi directa, tanto sobre o papel como ante un micrófono, e non ten reparos á hora de abordar temas crús como a violencia machista, a morte da súa nai ou a precariedade laboral. Lúa Mosquetera é unha activista do verso, natural de Miño, e na actualidade vén de revolucionar a poesía escénica galega pola súa forza sobre o escenario, pero sobre todo, pola súa honestidade. Mañá visitará Vigo para participar nunha iniciativa organizada pola tenda Vaidhé, situada no Casco Vello da cidade, con motivo do Día do Libro, na que ofrecerá un recital e unha sinatura de libros.

-A poesía escénica está vivindo un boom e a nivel autonómico poderiamos dicir que tes moito que ver, cres que a día de hoxe é posible vivir da poesía?

-Como calquera disciplina artística non é doado, pero si que é certo que como autónoma que son e tendo varias profesións para subsistir, agora mesmo a poesía escénica é a que maior ingresos me xenera a min. A verdade é que non pinta mal, vexo un panorama bastante optimista neste senso.

-Como foi o teu primeiro contacto coa poesía escrita?

-Pois eu non vou posturear a estas alturas, sempre digo o mesmo, que é un xénero que a min sempre me deu moitísima pereza, nunca me gustou, malia que sempre me gustou a literatura. Estudei Filoloxía galega e dende nena no colexio era a asignatura que máis me gustaba, pero sempre tiven a sensación de que a poesía era un xénero elitista, sempre foi moi elitista en canto aos autores e as temáticas que se trataban, os lectores de a pé sempre nos sentimos moi lonxe de conectar coa poesía. É por isto que como lectora non tiven un contacto íntimo até escribila, e segue a ser un xénero que non é o meu favorito, esa é a realidade.

Eu abrín un blog en 2016 no que decidín retomar a escrita, que era algo que me gustaba facer pero que levaba moitísimos anos sen practicar. Como propósito de Aninovo púxenme escribir e o primeiro que me saíu foi un poema, que foi un éxito, gustou moito e iso animoume a seguir. Sempre tiven un pouco querenza polas aliteracións, pola rítmica da poesía, é isto precisamente é o que máis me atrae, porque está moi preto do rap. Para min o rap é poesía.

Lúa Mosquetera compaxina a súa faceta como poeta coa música e cun negocio textil de bordado. FdV

-E coa escénica?

-A primeria vez que recitei foi en 2018, nun recital conxunto ao que me convidaron a ler un poema. Eu fun e nin sequera o fixen de memoria, parecíame un pouco "coñazo", porque eu veía que iamos todas as persoas alí a ler un trociño do noso libro e os demais escoitando e pensaba: "Para iso lemos na casa". Pero eu son moi honesta cando escribo e ter a oportunidade de verbalizalo e soltalo de xeito tan directo, funcionou, a xente conectou moi ben e descubrín que os recitais tiñan unha faceta moi rompedora, e é que había xente que non tiña interese ao mellor por ler o libro, pero á que lle gusta vir aos recitais. A poesía escénica é moi interesante para achegar o xénero a este público.

-É certo que a palabra escrita ten forza, pero se cadra o feito de ver á propia autora sobre un escenario é o que fai que o público conecte máis.

-Todo axuda. É certo que ti podes ver un recital de poesía e que non che esperte nada, porque hai poetas que recitan cunha cadencia moi típica, ás veces non é simplemente poñelo en voz alta. Hai moitos elementos que axudan, por exemplo a estética. Ver a unha persoa tatuada ou máis alternativa chama moito a atención e sobre todo entre a xente nova, a quen tamén hai que achegarlle a poesía. Axuda tamén a forma de recitala, creo que hai que ser natural e ten que soar verdadeiro, bueno, é que non é que teña que soar, é que ten que ser verdadeiro!

-Tal e como comentas, es unha poeta honesta que pon enriba da mesa temas duros, cales dirías que son as principais temáticas que te moven na escrita?

-Din moito iso de que todos os autores teñen tres grandes temas nos que sempre andan rondando ao longo da súa vida. Eu non sei se aínda os descrubín, pero de momento a morte é un tema moi, moi importante na miña poesía e narrativa. Principalmente pola morte da miña nai, pola reflexión que me espertou, pero tamén como a visión da vida que desatou este acontecemento en min: a naturalidade e a normalidade fronte á morte, e incluso a positividade. Este é o tema principal. Por outra banda, tamén é certo que a etiqueta que adoitan poñerme é a de poeta feminista, é unha etiqueta de "encasilla" e bendito "encasillamento". O terceiro tema non o descubrín aínda, pero con respecto ao feminismo sempre poño de exemplo a Lois Pereiro, que sempre o etiquetan como poeta social e el dicía que non fixera con esa intención; a min pásame un pouco coma el neste senso. O que ocorre é que ás veces cando pos a realidade enriba da mesa, é tan alarmante, que acaba converténdose en reivindicación. A honestidade é o eixo principal de todas as miñas temáticas.

-Cres que é o feito de ser tan directa é chave para que a poesía sexa menos elitista e se sitúe na rúa, chegando así a todos os públicos?

-Si, xusto. Ser escritora é como levar unhas gafas que te fan ver a realidade dun xeito especial e o único que fas cos lectores é quitalas e darllas a eles para que o vexan da misma maneira. Eu o que pretendo é amosar que hai poesía en cousas sinxelas ou que nos parecen menos merecedoras dun verso e ao final acabas conectando coa xente porque reflictes a súa vida diaria.

-O sábado estarás en Vigo nun recital e sinatura de libros, que vínculos ou experiencias tes con esta cidade?

-A primeira vez como poeta fun ao festival Kerouac e malia que non teño a sorte de coñecela moito, o certo é que é unha cidade que me gusta, porque as veces que estiven recitando deume a sensación de que é una cidade moi cultural e moi moderna, no sentido máis literal da palabra. Moi independente. Agora vou editar con Galaxia e dende fóra vese como unha cidade distinta dentro da contorna galega, máis urbana, moderna e cultural.

Lúa Mosquetera. FdV

-Ese novo traballo con Galaxia será o primeiro poemario que publicarás en galego, que poderemos atopar nel?

-É un poemario breve, que se titulará “Espíderman”, e non só muda o idioma (porque habitualmente escribo en castelán), senón tamén a perspectiva poética que sempre está moi centrada no feminismo, porque aquí fago un repaso máis persoal, trátase dunha poesía máis autobiográfica, pero ten imaxes que a min me gustan moito. É un poemario do que estou moi orgullosa.

-Un dos poemas que están incluídos sitúase actualmente entre os candidatos ao mellor poema 2021 de Galicia, que supón para ti esta nominación?

-Este é un deses premios que se lle dá a xente consagrada, son premios aos que ti non te presentas e cando me escribiron para dicirme que estaba nominada, foi incríble. O poema xa estaba publicado nalgún sitio e por iso chegaron a min; estou bastante flipada porque estou nominada con xente como Manuel Rivas, Marta Dacosta e outros autores consagrados que eu estudei na carreira. Ás veces parece unha parvada estar nominada ou non, porque eu sempre digo que un premio non te define como autora, hai moita xente que se desanima, pero ás veces é certo que, por exemplo no meu caso, que antes que escritora son autónoma, que che recoñezan algo é fantástico, sobre todo cando es una persoa coma min, que non son unha autora consagrada e nunca entrei nesas elites.

-Mais agora empezas a recoller os froitos.

-Si! Pero o certo é que estou nunha idade complicada porque non son unha autora novel, nin teño tanta obra nin son tan maior como para considerarme consagrada, por iso aínda que non gañe só a nominación xa é unha pasada.

-Cando empezabas naquel blog, pensabas que chegarías a onde estás agora mesmo?

-A verdade é que non. Cando era pequena si, porque eu soñaba con ser escritora e é unha marabilla ser nena porque cres que todo é posible. Pero logo non, sobre todo por falta de medios, que é un dos temas dos que eu falo tamén moito na miña poesía. A precariedade laboral é algo que eu sufrín dende moi pequena e logo da morte da miña nai máis aínda, e claro, canto faltan medios é imposible. Eu logrei rematar a carreira, pero non puiden facer o mestrado que fai falla para ser mestra, porque polo privado son 8.000 euros. Nunca puiden e eu sempre quixen ser mestra tamén. Pensas que os medios económicos é o que te vai limitar para chegar lonxe, pero alégrome de terme equivocado. 

Compartir el artículo

stats