Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Somos tres jichos con micros lendo uns contra os outros”

De esquerda a dereita: Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón.

Máis de 35 anos tiveron que pasar para que Rompente volvera xuntarse. Cando o grupo se disolveu, alá polo 1983, igual non pensaron que poderían recuperar aquel espírito e seguir dando “caña” enriba dun escenario. Pero para aqueles que compartiron con eles máis dunha cervexa non os colle de novo iso de que agora Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón decidiran resucitar a Rompente, e facelo, ademais, en dobre formato: cunha performance e un recital dialogado. “Faltábanos unha pata. Alberto Avendaño regresou dos EE UU hai dous anos e foi o momento. Xuntámos, puxemos textos e ideas en común e foi como se o tempo non pasara. Dese intercambio creativo naceu ‘Algo que levar a boca’”, explican Reixa e Avendaño.

Foi o festival olívico Kerouac quen os invitou a estrearse de novo como grupo e a resposta do público non puido ser máis positiva. Sen dúbida, foi o impulso que necesitaban para darse conta de que o que volvían ter entre mans era atractivo dabondo para coller as maletas e rodar. “Foi emocionante porque había como 300 persoas, xente nova que nos estudara nos libros de texto e xente máis maior que nos viu medrar coas nosas traxectorias”, destacan. Diálogo visual, vídeoarte e poesía son os ingredientes principais desta torta cultural. “Pero non deixamos de ser tres jichos con micros, lendo uns contra os outros”, sinala Avendaño.

O domingo, no MARCO

Agora están de xira dentro da programación cultural do Xacobeo 2022 e despois de percorrer varias cidades galegas, volven á casa. Os tres, vigueses de nacemento, poñerán toda a carne no asador para encher as cadeiras do MARCO o vindeiro dormingo ás 13.00 horas. O espectáculo nace do libro que presentaron este mesmo ano 'Que hostia din os rumorosos?', onde se recollen as creacións literarias induviduais e colectivas do grupo. Unha experiencia multisensorial chea de “sinceridade, provocación e irreverencia, que conxugan a nosa esencia”.

Este acio de tres son historia viva de Galicia a nivel musical, audiovisual, literario e cultural. A poesía e os artigos norteamericanos de Avendaño; Reixa e os Resentidos, sempre detrás das producións galegas máis destacadas; e Romón, poeta, presentador, e compositor. Case nada. Hoxe xa recollen o primeiro galardón xuntos n'A Estrada, do cal están moi ledos: o premio San Martiño de Normalización Lingüística. “É chocante porque cando empezamos coas nosas obras, hai moitos anos, preguntábannos, '¿Y vosotros, por qué escribís en gallego?'”.

Compartir el artículo

stats