“Hoxe é o primeiro día e estou mirando, pero seguramente acabe comprando”. As palabras de Iria Fernández, profesora viguesa, resumen as primeiras horas da Feira do Libro de Vigo, que comezou onte na rúa do Príncipe, diante do Marco. María Oruña, Arantza Portabales, Ledicia Costas ou Pedro Feijoo son sinónimo de éxito editorial e as súas obras saltan á vista espalladas pola maioría das casetas das librarías, que ofrecen un dez por cento de desconto en todos os exemplares.

Acto de inauguración con Abel Caballero, Román Rodríguez, Abel Losada e Santos Héctor.

Coa obrigatoriedade de levar a máscara no interior dos postos, pero con algo máis de liberdade do que o ano anterior en canto a aforos, os libreiros e libreiras comezaron con ilusión esta nova andaina da feira do Libro de Vigo, que chega á súa XLVII edición. “Somos un sector resistente e estamos consolidados, eu son optimista”, explica Xurxo Patiño, presidente da Agrupación de Libreiros de Vigo e propietario de Librouro.

Preto de 70 autores e autoras tanto galegos como do panorama nacional, como é o caso de Nieves Concostrina, teñen prevista a súa sinatura durante os dez días que permanecerá aberta a feira. As sinaturas serán as únicas actividades paralelas organizadas porque polo momento a situación sanitaria non permite as presentacións, os contacontos ou os obradoiros, o que limita en parte a interacción coa ciadadanía. “É unha alegría poder contactar con xente na rúa. As librarías non somos templos da cultura, somos máis ben como tabernas, sitios de xuntaza”, defende Patiño.

A feira abriu as súas portas ás 11 e pouco a pouco as vendas comezaron a agromar. Susana Rodríguez e Eladio López acudiron expresamente á feira co obxectivo de mercar o libro “El ayer que se nos fue” de Pedro Úbeda, “para recordar os tempos de antes; e Rosa Chantada optou por libros de autoras galegas como “As cousas que non queremos oír”, de María Reimóndez ou “Humanario”, de Pilar García Rego.

O ano pasado non viñemos pola situación sanitaria, pero pouco a pouco hai que volver á normalidade e temos que aportar todos”. Sandra Senra, libreira de Libros para Soñar, volve este ano á feira con ilusión e esperando bos resultados.

“Aquí pode entrar calquera e pedir cousas estrañísimas

Tamén desde a libraría Nobel Gran Vía teñen boas expectativas para estes días. “ A xente achégase tímida, pero temos mellores perspectivas que o ano pasado”, explica Eva Pena. A libreira indica que é diferente a clientela da feira cá da libraría xa que “aquí pode entrar calquera e pedir cousas estrañísimas”, aínda que o que máis saída ten sempre é a novela negra e os libros para nenos.

Durante o acto de inauguración oficial o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou o papel da cidade como “motor intelectual e creativo” da nosa cultura. “A literatura atravesa cada recuncho de Vigo desde a ría ata as rúas da cidade grazas ás verbas de autores como Xulio Verne, Domingo Villar ou Blanco Amor”, afirmou.

Pola súa banda, o alcalde animou a cidadanía a que acuda e que, se é posible, merque algún libro ou “que se acheguen só para saudar aos libreiros”. Caballero agradeceu a presenza e traballo do conselleiro “unindo forzas para que a feria sexa un éxito permanente”.

O acto finalizou coa lectura do pregón da escritora María Reimóndez, quen indicou que “Vigo está chea de historias, como a de Olimpia Valencia ou Urania Mella”.

En total, son once casetas instaladas que estarán abertas entre as once e as dúas pola mañá e entre as 5 e as nove pola tarde con sete librarías: Nobel Gran Vía, Libros para Soñar, Casa del Libro, Libraría Cortiza, Librouro, A Gata Tola e a Libraría Pedreira, de Santiago.