Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Castro | Vigués Distinguido

“Vigo pode presumir da calidade da súa literatura, estamos na vangarda”

“Só hai un apoio que é o máis vello do mundo, os investimentos económicos”

Francisco Castro, na sede da Editorial Galaxia. Alba Villar

O escritor e director xeral da Editorial Galaxia séntese ilusionado polo nomeamento como Vigués Distinguido e con máis responsabilidade se cabe para seguir plasmando a cidade na súa obra. Francisco Castro reivindica o potencial literario e cultural de Vigo, que destaca como “capital editorial de Galicia” e unha das máis importantes de España e Europa.

–Recíbese aínda con más ilusión o nomeamento tendo en conta o ano tan complicado que vive a cultura pola pandemia?

–Son vigués militante, moitos dos meus libros están ambientados na cidade e a xeografía viguesa, especialmente a do meu barrio de Teis, é unha constante. O premio fai moitísima ilusión como cidadán de Vigo que leva toda a vida vivindo aquí, 54 anos. E os 54 que me queden ou máis quero vivilos aquí tamén. Pero logo tamén porque está sendo un ano especialmente duro para os que somos profesionais da cultura e que veñan estas alegrías levanta bastante o ánimo.

–Vigo forma da súa obra desde os inicios, pero cada vez é o escenario de máis creacións literarias e cinematográficas reivindicando o seu potencial.

–Efectivamente. Iso sempre estivo aí, pero agora parece que empezamos a darnos conta. Hai menos dun mes, The Guardian, case nada, falaba da novela negra viguesa, que xa é unha etiqueta real que estamos reivindicando algúns escritores e escritoras. Hai todo un mollo de autoras e autores de novela negra que estamos escribindo as nosas historias facendo que Vigo sexa un personaxe máis. Temos un potencial enorme que hai que empezar a explotar a moitos niveis.

–Como Vigués Distinguido vai sentir máis responsabilidade á hora de plasmar a cidade?

–Sen dúbida. Sei que é un topicazo pero é así. No momento en que recibín a comunicación, á parte dunha alegría e unha honra enormes, sentín tamén que a miña responsabilidade coa cidade medraba. Todos debemos selo coa ciudade na que vivimos, pero cando ten ese detalle tan fermoso de recoñecerte que estás facendo algo importante polos teus veciños e veciñas pois loxicamente a responsabilidade agora é moito maior.

–A literatura pode ser a mellor embaixadora dunha cidade e tamén representar e defender a súa cultura, unha labor que se lle recoñece con este nomeamento,

–Temos moitas cousas das que presumir en Vigo, pero unha delas é a calidade da nosa literatura. Obviamente non falo por min, senón polos meus compañeiros e compañeiras. Estamos na vangarda do noso país e iso é por algo. E non só dentro de Galicia. Somos moitos aos que se nos traduce a moitas linguas. Eu teño libros traducidos en Serbia, en Brasil, ó inglés... Estamos cabalgando por outras latitudes lingüísticas escribindo en galego e desde a nosa cidade.

–O tema da pandemia vai inspirar a moitos autores ou todavía é necesaria unha maior distancia e reflexión?

–Como editor, empezo a recibir orixinais donde se fala da pandemia, os personaxes aparecen con mascarilla... No momento en que a todos nos meteron en casa os escritores e as escritoras aproveitamos o tempo e iso vaise ver reflectido nas publicacións futuras sen dúbida.

–Será así no seu caso?

–Si. Son un caso moi claro. Nos primeiros días do confinamento empecei a escribirlle unha carta ao meu pai, que faleceu hai cinco anos, e esa carta se foi a 200 folios e a contar a historia de Vigo desde os anos 30 e a convertirse no retrato dunha xeración e, ao mesmo tempo, de min mesmo. Terminei escribindo o meu primeiro libro de autoficción. Partín de min e da miña dor e terminei escribindo un libro que fala de min pero sobre todo desa xeración que viviu a Guerra Civil, deses nenos que pasaron fame na posguerra e que levantaron o mundo que coñecemos. Estou absolutamente seguro de que non o podería escribir de non estar obrigado a estar todo o día comigo pensando. Recollido en casa atopei as forzas e o clima para tomar consciencia, case seis anos despois, de que estás sen pai.

–Verá pronto a luz?

–Seguramente será o seguinte proxecto. En setembro saco nova novela, como as dúas últimas, nas catro linguas do Estado. É literatura de fronteira entre xuvenil e adultos. Non transcurre en Vigo, en ningún lugar recoñecible, pero estou moi ilusionado.

–A cultura axudounos a resistir o confinamento.

–Sempre soubemos que é moi importante pero non é arriscado dicir que desde que estamos en pandemia nos axuda a non padecer máis fatiga mental da que xa temos. Moita xente descubriu a lectura, as series, a importancia da música... A cultura foi alimento.

–Como deberían axudala nestes momentos as institucións?

–Só hai un apoio que é o máis vello do mundo, os investimentos económicos. Hai que entender que parte da recuperación cara esa nova normalidade pasa pola cultura. Estamos falando de fatiga pandémica, de trastornos mentais e a cultura é bálsamo. Necesitamos un apoio decidido ás bibliotecas, librerías, editoriais, ao mundo da música e do teatro... Os políticos son moi conscientes de que é importante pero agora temos que pedirlles que concreten coas axudas.

–Cal é a situación de Vigo?

–Vigo sempre foi á vangarda cultural de Galicia. É a súa capital editorial e unha das españolas e europeas. Galaxia, que se fundou aquí hai 71 anos, é a máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de España e está absolutamente vencellada a toda Galicia por suposto pero tamén á Vigo.

Compartir el artículo

stats