"Luis Seoane e Valentín Paz-Andrade afrontan a emigración desde unha perspectiva épica e representan a experiencia migratoria como una gran aventura colectiva. Seoane encontra a dimensión épica contando por veces a loita titánica duns heroes individuais con nome propio, Paz-Andrade foxe cara a abstracción do protagonismo colectivo e constrúe unha interpretación mítica da emigración como explicación das orixes e da esencia identitaria dun pobo" (Mª Xesús Lama).

No seu libro de poemas "Canto do pobo disperso", Paz-Andrade representa a emigración: "Como un proceso que o pobo galego viviu e reviviu ao longo dos séculos, cun itinerario desde as estepas do Leste de Europa ata as illas do Atlántico e posteriormente América. Unha reflexión de mais longo alcance, unha interpretación arredor da historia e da identidade do pobo galego a partir do fenómeno migratorio.

Ramón Villares "Galicia. Una nación entre dos mundos, (2019)" comenta que Paz-Andrade <trata de entender unha das claves da Historia de Galicia, situándoa como lugar de chegada e de partida de emigrantes que finalmente retornan a súa terra para poder transformala coa experiencia adquirida>.

Os americanos reflectiron a épica da conquista do Oeste a través do cinema. Canada artillouse como pais anglosaxón e francófono (Quebec), ca épica da negociación cos nativos. Irlanda (o país máis próximo) en 1840 alimentábase de patacas, que en 1845 unha praga asolou a colleita cambiando a súa historia para sempre. Un millón de persoas morreron de inanición. e por enfermidades, e mais dun millón de persoas fuxiron cara a Nova Iorque e Bostón. Unha despedida para sempre pois poucos puideron retornar.

Faise necesario lembrar e considerar os galegos e galegas emigrados, exiliados ou fuxidos e situalos cadanseu deles no lugar que lles corresponde. Intelectuais, escritores, políticos e empresarios, tiveron unha pegada nas súas respectivas áreas de actuación con repercusións notorias nos seus lugares de orixe, a través do seu traballo intelectual, empresarial ou participación en micro asociacións, implicadas en fines educativos e de instrución, o que supuxo a construción de escolas e mesmo participar en empresas de gran desenvolvemento como foi o caso de Vigo e como soporte da conservación dun legado político e cultural fundamental. A participación da emigración galega na construción da identidade de Galicia, representou un exemplo de <nacionalismo a larga distancia>. Sobral, 2018 (citado por Villares).

Fáltanos aos galegos e galegas esa novela e / ou película épica que dea conta do que supuxo a emigración nas artes, a ciencia e a política en Galicia. Fáltanos ese Museo da Emigración Galega (MEG), que dea conta da épica dos nosos emigrantes, tal como os irmáns irlandeses fixeron co seu Museo da Emigración Irlandesa en Dublín. Seria ese soño feito realidade, que nos permitira recuperar os vínculos entre a comunidade da diáspora e a Galicia de hoxe.

Imaxino nunha das salas do MEG, o nome dos impulsores e benfeitores de Vigo: Remigio Ramón Nieto Otero, José García Barbón y Sola, Policarpo Sanz, Martín Echegaray y Olañeta, Sanjurjo Badía, Tomás Antonio Alonso Martínez, Isidoro Romero Caballero, Manuel Núñez Espinosa, Tomas paredes...e tantos outros.

*Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza