"O médico que só sabe medicina: nin medicina sabe", esta frase atribuída erroneamente a Pasteur, é do Dr. Letamendi catedrático na universidade de Barcelona no s. XIX, que empata perfectamente co perfil do profesor Tiburcio Angosto, que alén da súa profesionalidade no ámbito da psiquiatría hai que engadir a súa paixón pola cultura.

Como psiquiatra o Dr. Angosto ten un percorrido extraordinario que vai desde a súa implicación na reforma psiquiátrica das décadas 60/70 e 80, nos hospitais psiquiátricos de Tarragona, Oviedo e Vigo, que con Conxo, foron referentes dos profundos cambios, ao remate da ditadura franquista e posteriormente. En Galicia, pasou polos hospitais e servizos psiquiátricos vigueses sempre en postos de máxima responsabilidade Rebullón, Chuvi, Saúde Mental... para unha vez xubilado en 2014 continuar no Hospital Fátima Vithas. Doutor pola USC, a súa paixón pola cultura ligada a psiquiatría, deixounos ensaios, libros, conferencias... e non tivo reparo en diagnosticar a D. Quíxote de: "psicoses reactiva. Non enfermou por ler moito senón por buscarlle sentido ao que lía".

Co Dr. Angosto Fundación Menela, quere agradecerlle que en 2011 e 2014, nos impartira a familias e traballadores dúas Xornadas de grata lembranza arredor das "Boas practicas nos tratamentos psicofarmacolóxicos en persoas con TEA e discapacidade". A organización de "Clásicos en Psiquiatría", a vicepresidencia na Asociación Española de Psiquiatría, e a participación nas palestras do Café Voltaire, dan conta dunha persoa cunha actividade que efectivamente desbordou a súa practica clínica. Apertas a súa Dona Marisú e a súa filla Mar.

*Psiquiatra