Nas aulas do IES Politécnico de Vigo a igualdade e a coeducación están máis que presentes. A campaña na que están a traballar a prevención do acoso sexual nas aulas ten moita forza, como pode verse no vídeo que eles mesmos lanzan ao mundo para axudar a mudar mentalidades.

"As mozas non temos a culpa de ser acosadas", "Forzar a bicar é acoso", "Espiar é acoso", pronuncian os alumnos e alumnas deste instituto vigués, que lembran en todo momento que é un espazo libre de violencia machista.

"Non uses o móbil para mandar fotos sexuais" é outra das frases pensadas por estes rapaces, da man da profesora Carme Adán. "É parte dun proxecto que presento o venres no VI Congreso de Unidades de Igualdade na Coruña", apunta Adán.

"Eu entendo que non é non!", conclúe un dos mozos que participan neste vídeo.