Onte,o día gris, chuvioso e frío, trouxo a mala nova do falecemento do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, co que a cidade de Vigo perde a un dos seus grandes valedores. Un home íntegro e independente, sen pelos na lingua á hora de defender o patrimonio arquitectónico. Coñecino hai moitos anos, cando eu era un principiante e el xa publicara un importante estudio sobre o modernismo que foi fundamental no rescate da expresión dese estilo na cidade. Dende esa entrañable relación, que perdurou ata hoxe, podo dar testemuño da súa fonda preocupación por Vigo en moitos aspectos, pero sobre todo nos relacionados co urbanismo e co patrimonio arquitectónico. Sentía como propias as feridas causadas ao tecido urbano, como a perda da estación do ferrocarril ou do colexio de Cluny na Gran Vía. No tempo compartido na elaboración de tres libros en común, descubrín un investigador rigoroso que procuraba documentar ata o exceso todas as súas publicacións. Tamén un home xeneroso que apoiaba a outros historiadores e lles facilitaba a información que tivera na súa man.

O éxito dalgún dos seus libros, como Vigo. La ciudad que se perdió, que vai pola quinta edición, non supuxo unha vangloria persoal, senón a satisfacción de sentir que o seu traballo servía para espertar o aprecio polo patrimonio nun número crecente de vigueses. Era dos que afirmaba que o mellor seguro que se lle podía outorgar á arquitectura histórica era o coñecemento, polo que a difusión dos seus valores foi unha constante ao longo da súa vida, como pon de manifesto a publicación dunha ducia de libros e de numerosos artigos de investigación. Traballou de forma incansable ata o último momento. En proceso de impresión está o libro Vigo Amurallado, unha inxente investigación sobre a conformación da cidade histórica. Tamén, ata última hora estivo presente no Instituto de Estudios Vigueses, do que era vogal na xunta de goberno.

Como profesional deixou unha copiosa obra, entre a que destaca o complexo parroquial dos Capuchinos na rúa Vázquez Varela. Para min foi tamén un referente na vida cotiá. Sempre me chamou poderosamente a atención a forma na que falaba da súa compañeira Natalia. Sempre con agarimo e profunda admiración. Foise un arquitecto, un historiador, unha voz crítica e un vigués comprometido coa súa cidade, pero sobre todo unha entrañable persoa, un gran amigo.

*Doutor en Historia. Instituto de Estudios Vigueses