O barrio vigués de Bouzas celebra o Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Manuel María, poeta ao que se dedica este ano a xornada. Representantes locais, como o alcalde, Abel Caballero, ou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e veciños da zona recitaron algúns dos poemas do mestre da Terra Chá.

Un centenar de persoas participaron no acto, incluida a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, como veciña do barrio. Os versos de A Fala ou Galicia envolveron aos asistentes nunha celebración da cultura galega na súa expresión escrita. As mensaxes de loita para defender a lingua como “a chave coa que abrimos o mundo” acompañáronse de verbas en prol do orgullo do pobo. O alcalde leu o bando de este ano, escrito por Ledicia Costas, no que invitou aos vigueses a pelexar polo galego porque “sempre fomos unha cidade de xente loitadora”, dixo.

No acto recordouse o pulo que Manuel María deu o idioma non só por publicar en galego, tamén polo apoio que ofreceu a outros escritores e o carácter reivindicativo dos seus poemas que definiron a identidade dunha comunidade.