ANA RODRÍGUEZ | VIGO

Coñecida polo público pola súa participación no programa gastronómico na TVG "Larpeiros", a cociñeira moañesa Lola Gestido lerá hoxe o pregón das Xornadas Marisqueiras Vigomar 2015. Non acostuma a facer estas funcións e o de hoxe será o seu tercer pregón despois de facelo na festa da Melindre de Melide e na do Mexilón de Moaña.

- Que vai destacar no seu pregón?

- Eu son da Ría de Vigo; vivo xusto enfrente do mar e da Praza de Abastos de Moaña, polo que irei destacar que a nosa ría, ademáis de preciosa, ten unha gran riqueza en peixes, mariscos e pulpo. Destacarei o sabor do noso marisco e tamén o do que está nos viveiros con auga da nosa ría.

- Cal é para vostede o mellor xeito de preparar o marisco?

- Ao natural, sen disfraces. Cando cozo nécoras, centola ou camarones, por exemplo, cruzo o meu xardín para coller auga de mar e o poño a ferver con laurel. Se o fago con auga do grifo, bótolle sal a ollo; a navalla fagoa á prancha; a viera, no forno coa súa salsa; as ameixas, tanto a babosa como a rubia, moi ben lavadiñas e coa súa salsa mariñeira. Logo están as empanadas co seu sofrito.

- Cal é o seu marisco favorito?

- A nécora, aínda que tamén me vale un bruñiño da ría, con pan de millo e viño tinto. Eu prefiro un mencía de amandi.

- A proposta mais innovadora para cociñar o marisco?

- En Larpeiros temos feito moitas: un día fixemos nécoras asadas á prancha, outra vez empanada de berberechos de fariña milla (fixeron falta tres kilos de berberechos), aínda que eu prefiro o xeito tradicional.

- Que marisco non está valorado dabondo?

- Para mín, o mexilón. En países como Italia ou Francia o valoran máis que aquí. O mexilón da nosa ría e boísimo, polo seu sabor e tamén para a saúde. Os galegos non lle damos o valor que ten, pode ser porque ten un precio maís barato que outros mariscos. Ten moitas posibilidades na cociña: cocelo, abrilo e comelo, facelo en vinagreta, cociñalo en salsa de vieira ou preparalo en escabeche (eu o fago e o meto en botes de cristal). Son unha forofa da empanada de mexilón, con fariña de millo.