29 de noviembre de 2013
29.11.2013

¿De onde veñen os nomes das nosas parroquias?

Topónimos como Matamá, de "malas matas", ou Cabral que fai referencia á abundancia de cabras, ou Castrelos que alode á existencia dun poboado castrexo, describen os lugares segundo a súa orografía, vexetación ou historia

30.11.2013 | 10:13

O nome dun lugar non é un feito casual, senón que responde a unha descrición do terreo ou a algún feito histórico que permite identificalo. Sabemos que os romanos lle chamaron a este punto da Gallaecia "Vicus", en referencia a un pequeno núcleo rural de poboación, pero, ¿coñecemos o significado das parroquias nas que vivimos?

Para poñer en valor os topónimos -nomes de lugar- da cidade, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello desenvolve desde 2010 o proxecto "Meu, coñecéndonos e descubríndonos" que indaga na nomenclatura das parroquias así como a divulga a través de publicacións ou actividades como roteiros.

"A través da propia historia da lingua ir achegando a historia da evolución da cidade. E a mellor forma é acudir á toponimia que é o libro da historia, onde cada nome é un capítulo: datos históricos, flora, fauna, orografía", apuntan desde o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello. De feito, existen distintos tipos de topónimos segundo ao que fagan referencia. Segundo establecía Gerardo Sacau no seu libro "Os nomes da terra de Vigo" poden ser: orónimos, que fan referencia á orografía do terreo; hidrónimos, que aloden á agua; fitónimos, relativos ás plantas; e zoónimos, derivados da presenza de animais.

Vigo dispón dunha boa cantidade de topónimos de cada un destes tipos, así referidos á orografía estarían Coia, Coruxo o Alcabre; os que desvelen a existencia de ríos son Teis, Sárdoma ou Navia; entre os que dan datos sobre a vexetación atópanse Matamá e Freixeiro; e os que evidencian a existencia abondosa de certas especies animais, como Cabral. 

Para realizar este labor, o SNL conta coa colaboración da Universidade de Vigo, dalgunhas comunidades de montes -que achegan gran parte dos fondos- e do Instituto de Estudo Miñoranos (IEM). As pescudas etimolóxicas e históricas realizadas polo equipo de investigadores formado dentro do proxecto plásmanse no blogue Toponimia de Vigo. Complementan esta bitácora coa realización de roteiros e outras actividades divulgativas, así como coa edición de libros nos que recollen o traballo realizado nas parroquias: na actualidade téñense publicado os estudos sobre Coia e Lavadores, e para comezos do ano que vén sairá o de Beade e maís adiante o de Zamáns. Tamén se está a rematar o traballo en Comesaña e Sárdoma, mentres en Valadares inician a recollida.


Toponimia de Vigo revélanos a orixe dos nomes das parroquias da cidade

  • Alcabre: de orixe celta procedería dun núcleo de poboación amurallado situado nun cumio.

  • Beade: derivada de "Beatus", quen sería propietario da zona que hoxe engloba a parroquia.

  • Bembrive: do latín "bene vivere", facendo referencia ás fincas de recreo dun señor adiñeirado.

  • Cabral: do latín "caprale" que alude á enorme presenza de cabras na zona.

  • Candeán: podería ligarse a un lugar onde se recollería material vexetal para prender lume nos fogares, como parece indicar a similitude con "candea" ou "cando", tizón.

  • Castrelos: nome revelador da existencia dun castro apostado nun outeiro non demasiado elevado.

  • Comesaña: indicaría un curvatura no terreo, aínda que Gerardo Sacau defendeu que se debería ao alcume dun antigo posuidor das terras.

  • Coruxo: faría referencia á orografía do terreo. Sacau expuxo que non derivaría de esturión, senón dos rochedos do interior de parroquia.

  • Freixeiro: pola gran cantidade de freixos (árbores) do lugar.

  • Lavadores: debido á fonte que servía de lavadoiro.

  • Matamá: un terreo moi cuberto de matas e arborado que dificultaban o cultivo e paso: "matas malas".

  • Navia: fai referencia ás augas. Navia era unha divindade das augas prehistórica.

  • Oia: fai referencia ás augas.

  • Saiáns: de orixe incerta, podería proceder de Sancti Iohannis pero a parroquia nunca se consagrou a este santo.

  • Sárdoma: abondosa en auga. Non en van o río Lagares chamábase río Sárdoma.

  • Teis: relativo ás aguas que surcaban esas terras.

  • Valadares: do latín, derivado dos valados que cercaban os campos de pasto.

  • Zamáns: Sacau especula coa posibilidade de que se refira a terras chairas e enchoupadas ou mesmo como propiedade de Samanus


¿Cómo dar coas súas orixes?

Preocupado polo mantemento da toponimia de Vigo, o SNL realizou un curso a aqueles interesados nesta disciplina co obxectivo de formalos e darlles una oportunidade laboral. Acudiron máis dun cento de alumnos, entre eles Beatriz Varandas que hoxe está a traballar sobre a microtoponimia de Zamáns, parroquia á que pertence. "Cheguei a colaborar co proxecto a partir do curso. Coñecía e gustábame o tema, e vin que había posibilidade de traballar nel", explica a licenciada en Filoloxía Hispánicas rama galego-portugués.

A recollida dos topónimos realízase da man de persoas maiores que colaboren cos investigadores. "O fundamental é escoller aos informantes: as persoas máis maiores da parroquia que poidan desprazarse aos lugares e sinalalos", explica Varandas. In situ e co seu informador, anotan nunhas ortofotos -proporcionadas polo Servizo de Cartografía do Concello- a ubicación e os nomes deses lugares. Para o seu traballo de campo, Beatriz contou con algo máis dunha ducia de informantes. "Son os nosos tesouros, porque eles saben cómo se chaman eses sitios e onde están, ademais de ditos, lendas, cantigas e tradicións que se están a perder", reflexiona. De feito, a segunda vertente deste traballo é recuperar toda a cultura popular relativa aos lugares estudados baixo o proxecto "Os tesouros de acó".

Segundo comenta, un bo informante pode chegar a ofrecer ata 200 nomes de sitios diferentes. "En Galicia a todo lle poñemos nome, non hai que esquecer que é un localizador que lles indicaba como chegar aos sitios e por onde ir", expón Varandas a quen este traballo lle reporta unha satisfacción extra: "Tes un contacto máis directo coa xente maior da túa parroquia a que apenas coñeces. Falas con eles e decátaste de como cambia a vida. Nós aproveitámonos da súa sabedoría e eles tamén se sinten ben colaborando".

Trala recollida chega a sistematización dos datos e a fase da documentación histórica: "acudimos ao Arquivo Histórico de Pontevedra onde está o catrastro de Ensenada, por exemplo, onde aparecen os nomes das leiras e dos propietarios. Algúns deses nomes consérvanse, outros non, e algúns mudaron pero este labor danos pistas sobre os topónimos", detalla a investigadora.

Nomes que desaparecen no esquecemento

Gerardo Sacau aludía no seu libro "Os nomes da terra de Vigo" como durante anos se desprazaron as vellas formas de identificar os sitios por outras sen raíz na nosa historia: "temos diante de nós o cambio de Pousafoles por Rúa Tarragona. ¿Que se conseguiu? Que as novas xeracións descoñezan para sempre a razón de ser orixinaria do lugar no que os muiñeiros 'pousaban' o saco cheo de gran,  para facer un descanso no camiño que os levaba aos muíños de Riobó ou do Lagares". Co obxectivo de evitar este tipo de situacións, desde o Concello de Vigo realízase un estudo histórico previo ao nomeamento dunha nova rúa, segundo explican desde o SNL.

As novas xeracións xa non coñecen os microtopónimos das súas parroquias, simplemente porque non os empregan: as novas vías de comunicación, o abandono do campoe  a marxinación da vida rural e tradicional fan que esas denominacións non sexan útiles para orientarse nin para identificar sitios aos que xa non acoden.

"Cos maiores vaise ir toda esa riqueza, e nós necesitamos recuperar esa herdanza", recordan desde o SNL, quen con este proxecto busca dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial da cidade aos seus habitantes.

Porque a historia non só está nos libros de texto, documentais ou películas, senón que se agocha á volta de cada esquina, na placa dunha rúa ou no nome dun regato que nos da recordan como foi a vida noutros tempos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Finalizou o Concuro Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo traballaron para contar como ven eles as Illas Cíes

En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores