Neste artículo o autor lembra a importancia internacional da artista Maruja Mallo (Viveiro, Lugo, 1902-1994) na historia da pintura contemporánea, escola surrealista, ao tempo que ampara a inclusión dun dos seus cadros na colección do Museo Municipal de Castrelos de Vigo.

A estas alturas xa non é necesario presentar á pintora viveirense Maruja Mallo (1902-1994), sen dúbida a gran referencia feminina do surrealismo internacional, avalada por André Breton, ó longo dos anos trinta do pasado século. Así, pois, foi unha das artistas máis orixinais da atmosfera surrealista española e europea e a súa linguaxe non fixo máis que afondar nas claves do realismo máxico que Roh propuxera nos anos vinte, elevando o popular, o folclore e o misterio a unha condición mítica, confirmada no exilio sudamericán, mercede a súa intensidade fabuladora. Maruja Mallo reforza a cualidade simbólica e o hieratismo fronte á idea dun subconsciente incontrolado e descontextualiza as imaxes e a súa escala en función dun ritual etnográfico ou antropolóxico, centrado na operatividade dos seus contidos, construídos especialmente desde a fabulación.

Nos derradeiros anos, chegaron a Galicia desde o estranxeiro –Bos Aires, Paris, Nova York, Londres- algúns cadros interesantes da pintora, entre eles un moi especial que, desde fai dous anos, tenta adquirir o Museo de Castrelos de Vigo para a súa colección de pintura contemporánea galega. O cadro de Maruja Mallo en cuestión (Carrusel ca. 1928-1930. Óleo s./ lenzo. 60 x 81 centímetros) ten unha traxectoria galega da que me sinto, en parte, felizmente responsable.

Grazas a Xosé Luís Méndez Ferrín e estando ámbolos dous en Paris –entón eu impartía clases alí e o escritor viñera invitado a dar unha conferencia- coñecín ó propietario da devandita obra, fai máis de vintacinco anos, cando nin sequera se falaba, en Galicia, de Maruja Mallo. E pouco tempo despois tiven oportunidade de ver o cadro no manoir normando da familia propietaria. Entón supen, contrariamente ó que se afirmara nalgunha ocasión, que o cadro non fora adquirido á artista, que sabemos fixera unha exitosa exposición na galería Pierre Loeb, en 1932, mostra moi ben recibida polo líder e teórico do surrealismo, André Breton, senón a unha familia de marchantes israelitas, do entorno parisino da pintora, provedores de arte do primeiro comprador, un industrial e coleccionista francés. O actual propietario, profesor universitario en París, retirado e de orixe galego, estaba casado coa filla do devandito industrial coleccionista. Curiosamente decateime que na familia propietaria non lle daban entón unha grande importancia ás obras de Maruja Mallo que posuían, ou ó menos, non tanta como a outras moitas de artistas franceses e españois que tamén tiñan. Mais eu nunca puden esquecer aquel cadro –chamémoslle "Carrusel con dous personaxes", en virtude da súa iconografía- que demandou a miña atención desde un principio e do que valorei a súa importancia tanto como a súa dimensión estética peculiar. Pensei –e ese foi un obxectivo desde fai anos- que o cadro debería acabar nun museo galego, polo cal tentei convencer repetidamente ó seu propietario que debía vende-lo a unha institución pública do noso país.

Anos despois, e tendo en conta a información que eu mesmo lle pasei, Pilar Corredoira –desde fai anos, estudosa da obra da artista e que logrou reunir o meirande aporte documental sobre a súa obra, á par que foi comisaria da mellor mostra que se ten feito da mesma, a inaugural do CGAC, en 1993, que logo se exhibiu no Museo de Bellas Artes de Buenos Aires, en 1994- solicitou acceder a estas pinturas para incorpora-las ás súas investigacións e proxectos. Debido á circunstancias persoais difíciles que atravesaba entón o propietario, que sufriu o falecemento de varios familiares, este desentendeuse do asunto e o cadro nunca saíu de París ata que informado da existencia do mesmo o galerista santiagués José Lorenzo pideuno prestado, en 2005, co fin de expo-lo, sen vontade de vende-lo, para o pracer dos galegos que quixeran simplemente ve-lo. Máis, durante a mostra, un recoñecido coleccionista madrileño, que xa posuía cadros da artista, encaprichouse coa obra e fixo unha oferta tremendamente tentadora. Lembro que o propietario consultou comigo e díxenlle que non o vendera, que este cadro debería quedar en Galicia e, a ser posible, nalgún museo. E así foi, as miñas reiteradas peticións fixeron efecto e a obra retirouse da galería de Santiago e devolta a París ata que o propietario foi contactado por unha empresa especializada en xestión de arte para presenta-la en concurso de adquisición ó Museo Municipal de Castrelos en competencia con outras obras de Maruja Mallo, ofertadas por galeristas.

Como era de esperar "Carrusel" foi seleccionado por unanimidade e así consta na Acta da Xunta Rectora do Museo Municipal de Vigo (sesión extraordinaria do 25 novembro 2008): "A Xunta Rectora acorda por unanimidade seleccionar para súa adquisición polo Museo Municipal en 1ª opción a obra Carrusel". Insisto e sinalo que para facilitar a súa adquisición o propietario ofertou o cadro nun prezo moi inferior o que lle ofrecera o galerista compostelán José Lorenzo, anos antes.

Vistas as dificultades administrativas que posteriormente retrasaron a conclusión da compra, tiven oportunidade de recomendar a obra á entón Concelleira de Patrimonio do Concello de Vigo e ó Director do Museo de Castrelos, sempre amables, moi receptivos e interesados en incorpora-la á colección do Museo.

Sen embargo, recentemente informáronme da deficiente circulación da información entre a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia, dependente da Xunta, e a Concellería de Patrimonio de Vigo, organismo de tutela do Museo de Castrelos, que esixe da primeira máis do que pode dar, sendo, pois, o seu único cometido confirmar si o cadro é de interese para o Museo e si o prezo corresponde a calidade do mesmo. Sobra dicir que os dous requisitos están satisfeitos dabondo e non se entende de ningunha das maneiras a demora na adquisición dun cadro de Maruja Mallo fondamental para Castrelos.

En calquera caso, creo que o esforzo por adquiri-la devandita obra de Maruja Mallo –que, ademais, fará parte, entre outros cadros da artista, dunha tese de doutoramento en curso sobre a pintora viveirense- vale a pena, non só polo reforzo do patrimonio artístico contemporáneo da recoñecida colección viguesa (recuperando mesmamente o noso patrimonio artístico de máis valor para Galicia), senón tamén por respetar o aval dos técnicos exteriores ó Museo e dós membros técnicos do Padroado do Museo de Castrelos que a sostiveron sen reservas.

*Profesor de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e membro de AICA-Francia (Asociación Internacional de Críticos de Arte- Sección Francia).