Diálogos con FARO | Sensorización, a pedra angular do territorio Intelixente

A rede galega iCousas mellorará a eficiencia da administración na toma de decisións

Con capacidade para xestionar ata 300.000 sensores, posibilitará anticipar ou solucionar en tempo real problemáticas de sectores como o marisqueo, a pobreza enerxética, o agro, a extinción de lumes ou ciclo da auga

De esquerda a dereita, Bruno Rodríguez, Felipe Gil-Castiñeira, Marta Sande, Pilar Chapela e Antonio del Corral

De esquerda a dereita, Bruno Rodríguez, Felipe Gil-Castiñeira, Marta Sande, Pilar Chapela e Antonio del Corral / Marta G. Brea

Elena Ocampo

Elena Ocampo

Un proxecto tecnolóxico que se xesta en Galicia prevé dar resposta ou mellorar as solucións de infinidade de necesidades do día a día da poboación, tralo análise e anticipación por parte da Administración pública. Por citar so un exemplo desde o punto de vista do medio ambiente, permitiría mellorar o control dos verquidos ou a calidade do aire, unha detección precoz dos incendios forestais ou ciclo da auga. A Xunta está a desenvolver a Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas), como un ambicioso proxecto que terá capacidade para xestionar ata 300.000 sensores como máximo e dar cobertura a máis do 70% do territorio da nosa xeografía, a través de tres centenares de centros de telecomunicacións cuxa instalación está a ultimar Retegal.

Desa “Sensorización”, como “a pedra angular do territorio Intelixente” conversaron onte nos Diálogos con FARO DE VIGO os responsables dos departamentos artífices, como son a directora de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Marta Sande; así como a directora xerente de Retegal, María Pilar Chapela, xunto co catedrático de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo, Felipe Gil-Castiñeira, e o CEO de Cinfo e presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio del Corral, nun acto que estivo conducido polo director de Tecnoloxía da Información en Faro de Vigo, El Correo Gallego y Opinión La Coruña –diarios do Grupo Prensa Ibérica–, Bruno Rodríguez Castro.

“O despregue da rede de acceso de iCousas, que conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, e baseada en centros de telecomunicación ubicados en puntos estratéxicos [moitos no rural], estará completa a finais deste ano. A partir dese momento, poderán comezar a instalarse sensores en función das diferentes necesidades e proxectos dos diferentes departamentos da Administración”, avanzou Pilar Chapela, que fixo fincapé no recente tren de borrascas en Galicia que dificultou o cronograma previsto. “É unha rede de comunicación que vai ser empregada pola Xunta e institucións públicas”, matizou.

“A rede de acceso será aberta e permtirá captar información de sensores de diferentes tecnoloxías (LoRa, NBioT, Wifi,...)”, precisou a directora de Retegal. Logo, en función das necesidades identificadas por cada unha das organizacións públicas, instalaranse sensores específicos para captar información “dos procesos que o goberno autonómico ou os usuarios queren controlar e supervisar”, engadiu Pilar Chapela.

Por citar un exemplo, “coa información dun so sensor que capte datos ambientais, poderíase cubrir o ámbito meteorolóxico ou de control de xestión de incendios”. E, precisamente, en aproveitar esas potencialidades incidiu Marta Sande, que avanzou que o obxectivo final da Amtega é seguir uns obxectivos e ser eficientes –tamén– na implantación de sensores, no que atinxe a situalos para sacarlles o maior partido posible. “Un dos maiores logros será a capacidade de ser predictivos, de anticiparnos na reacción”, engadiu a directiva da Amtega, poñendo en valor “a importancia de transformar os datos en valiosa información”. “Semella que este proxecto é único e está ben deseñado, pero precisamos engadir esa potencialidade, co talento dos distintos profesionais e investigadores”, salientou Sande. Por citar un exemplo, poderíanse detectar ‘nichos’ de pobreza enerxética.

Nesa idea incidiu tamén o moderador, ó compartir a experiencia xa forxada en FARO de traballar co Big Data dos lectores do diario.

O catedrático de Enxeñería Telemática da UVigo, Felipe Gil-Castiñeira engadiu os traballos a prol do 5G nos que traballan man a man. “Xa fixemos algún experimento de sensorización nas Illas Atlánticas, con fauna, onde empregamos estas tecnoloxías, que son moi interesantes por moitas razóns: desde o baixo custo dos sensores á súa distancia de cobertura”, engadiu. Así que, coa nova conectividade que propón este proxecto, o mapa ábrese a toda Galicia e tamén a un amplo abano de usos.

“É un proxecto modélico porque agrupa unha plataforma de sensores, e moderno porque os datos se compartirán entre Consellerías, con acumulación de información de todo o territorio, para despois traballar con ferramentas como a IA para ese Big Data” destacou o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio del Corral. Tamén recalcou a vantaxe de que Galicia sexa punta de lanza a nivel de España ó anticiparse con este proxecto pioneiro. “¿Sería posible que no futuro unha empresa privada de transporte ou de control ambiental poda facer uso deses datos públicos, repercutíndolle un custo para tamén así poder sufragar a plataforma?”, expuso. Aínda haberá que agardar pola concreción dese apartado.

Este tipo de redes constitúen unha fonte de datos fundamental para mellorar o coñecemento e a xestión do territorio e optimizar a toma de decisións por parte de todos os axentes implicados, pero moi principalmente a Xunta.

iCousas enmárcase nunha das liñas da Estratexia Galicia Dixital 2030, a da configuración dun territorio intelixente. Pero o proxecto é máis amplo: con esta plataforma de información Galicia quere xestionar a tempo real con tecnoloxías intelixentes todo tipo de datos do territorio procedentes de sensores, satélites ou vehículos non tripulados e poñelos a disposición da política territorial, os servizos públicos, os sectores produtivos e a cidadanía.

En suma: unha das fontes de información desta plataforma será a Rede iCousas, pero tamén os datos procedentes do Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica; a iniciativa Civil UAV de vehículos aéreos non tripulados e outros como Meteogalicia, que serán procesados con tecnoloxías como a intelixencia artificial, BigData, minería de datos espaciais ou machine learning.

A maiores, a plataforma complementarase cun xemelgo dixital de Galicia, que permitirá realizar simulacións e predicións ao servizo de programas para mellorar a calidade de vida no medio rural, impulsar a cohesión territorial e aplicar a Estratexia de Infraestrutura verde de Galicia.

“Para ver as probas e as simulacións, a tecnoloxía permite este reto: é unha construción dun territorio dixital xemelgo á Galicia e facer simulacións de tráfico, por exemplo, como se fora un clon, para probar diferentes casuísticas”, engadiu Marta Sande. Para facer unha imaxe axeitada, a experta chamou a pensar nunha construción “en capas”. As probas permitirían unha especie de ensaio-error con diferentes modelos.

Pero quizais o máis interesante para a cidadanía vén de man das aplicacións prácticas. Para que sexan “visibles”, os expertos debullaron as posibilidades que artella o modelo de Territorio Intelixente monitorizado coa rede iCousas: integración da información capturada mediante redes de sensores que constitúan unha rede de vixilancia de distintas variables que poidan afectar á nosa contorna e á nosa calidade de vida. Por exemplo, o control de emisións de CO2, monitorización de vibracións e corrementos de terras, da calidade da auga, detección de fugas e verteduras tóxicas, monitorización de edificios, redes de abastecemento e saneamento ou control de recursos de extinción de incendios.

“Temos ferramentas e estamos no momento tecnolóxicamente axeitado”

Marta Sande - Directora da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA

decoration

“O cruce de informacións será fundamental”, indicou a directiva da Amtega,que valora que xa hai moita potencialidade nos datos “antigos” que xa ten a Administración. “É un reto, sen dúbida. Pero estamos acompañados. Temos ferramentas que nos permiten captar información que noutro momento non poderíamos aproveitar, nin procesar”, engadiu Marta Sande. “Estamos no momento axeitado tecnolóxicamente”. Por se existira algunha desconfianza no tratamento dos mesmos por parte da poboación, a experta engade que “son datos de índole xeral, nada particular, nin individual” relativos a aspectos como o nivel de agua ou a aspectos sobre a seca nos cultivos.

Entre outros eidos de actuación que se contemplan están o soporte á xestión da rede viaria, con aplicacións de toma de decisións e planificación de actuacións na rede de estradas, asegurando unha xestión integral da rede viaria. Tamén para emerxencias, contemplan ferramentas de monitorización do territorio e análise en tempo real de información, que permitan comprender a situación e reducir o tempo de resposta. Outro ámbito sería a protección do patrimonio, con ferramentas e servizos de información que permitan identificar cambios no territorio que afecten a cambios en límites administrativos. Tamén, a integración con sistemas de monitorización do legado cultural, para a conservación, rehabilitación ou mantemento de edificios, conxuntos históricos ou elementos patrimoniais.

“Son tecnoloxías para obter información importante, que facilitarán a vida”

María Pilar Chapela - Directora Xeral de Retegal

decoration

“Os sensores pódense aplicar a calquera proceso que se precise monitorizar en Galicia, de calquera ámbito que preocupe á Administración, ben para evitar desprazamentos físicos, xa sexa para obter unha información superior á que había”, detallou a directora xerente de Retegal. “Son tecnoloxías para obter información importante que facilitarán a vida”. Referíndose a un proxecto piloto posto en marcha na aldea modelo de Moreda, en Lugo, constatouse que o sistema de sensores e monitorización aplicada ó agro mellorou a eficacia dunha explotación gandeira extensiva. Aí, o control remoto permite controlar a distancia o gando, cun dispositivo no pescozo do animal, que transmite información sobre a súa localización exacta, os seus movementos, se está rumiando, descansando, pastando ou camiñando de forma moi activa.

Todos estes datos permitirán ao gandeiro saber se as vacas están a alimentarse ben ou se hai sinais de que o animal poida estar enfermo. Ese é so un dos aspectos posibles para monitorizar nas explotacións agrarias e gandeiras, que inclúen a vixilancia de distintos parámetros –colleitas e plantacións, pero tamén consumo de recursos–. Ás veces as melloras son tan insospeitadas e mínimas, como a capacidade de controlar a agua (cun sensor) dos depósitos dos helicópteros de extinción.

“Nutrirá dunha fonte de datos as investigacións en universidades e empresas”

Felipe Gil-Castiñeira - Catedrático de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo

decoration

“A medio prazo, a potecialidade da rede iCousas é enorme e abre moitas posibilidades no eido da investigación”, explicou sobre a plataforma o experto da UVigo. “A algoritmia está aí e as investigacións, tamén presentes xa, pero hoxe en día” –indicou– “traballas con datos que non son reais”. Por tanto, incorporar nun futuro próximo ese Big Data galego, para Gil-Castiñeira, abre un abano moi potente de posibilidades de análise e predición. Moitas miran cara o cambio climático e o panorama a nivel de territorio galego. “Ata diría que é difícil de prever as posibilidades que ten ó poder cruzar datos relativos a elementos sobre diferentes parámetros”, engadiu.

“Estou convencido de que se todas estas plataformas se unen, se poden aportar a terceiros, e beben deses datos, nos poden dar unhas aplicacións que quizais agora non saibamos nin que se podan alcanzar”, afirmou. Do mesmo xeito, os expertos referíronse a que xa existe moita información “histórica” previa, da Xunta e de outras institucións. Xa non so información do tempo real, senón esa orixe de datos que se podería empregar, trala firma de potenciais convenios, para usar de forma transversal, engadindo ós datos obtidos en tempo real.

“Será unha plataforma, tamén, de aumento da calidade democrática e transparencia”

Antonio del Corral - CEO de Cinfo e presidente do clúster TIC de Galicia

decoration

“Non teño ningunha dúbida de que terá aplicacións moi concretas e potentes”, coincidiu o presidente do Clúster TIC de Galicia sobre a plataforma. E evidenciou o que está a acontecer coa alta mortaldade nas rías para o marisqueo. “Evidenciase a capacidade de atopar un modelo que poda previr que iso vai acontecer dentro duns meses polas choivas rexistradas, por exemplo”, remarcou. Outro asunto será, obviamente, como palialo. “Se abres esa plataforma de datos á Universidade, ese é o xeito de lograr algoritmos”, vaticinou. Parta Del Corral, a abordaxe de datos a través de simuladores podería tocar tanto “aglomeracións de tráfico, grandes festivais, ó sector dos maiores e o coidado,ó tempo que o medio ambiente e a eficiencia enerxética”.

Pero Antonio Del Corral sacou á palestra outro tema inédito: “aportará moito á transparencia e normalidade democrática”, engadiu. “Os cidadáns queremos que todos os relatos políticos e tamén as leis, ou normativas, ata as avaliacións das políticas públicas, estean baseadas en datos. Agora xa se poderá pedir. Por iso, é unha plataforma, tamén, de aumento de calidade democrática”, expresou o tamén. CEO de Cinfo. Destacou, ademais, que Galicia sexa pioneira neste proxecto que non existe noutras comunidades.