A Catedral de Santiago recupera logo de tres anos o ritual de abrazar o Apóstolo Santiago

A Fundación estima que ao longo deste ano entre 300.000 e 500.000 persoas poderían cumprir cunha tradición iniciada no século XII

Ana Triñáns

Algo máis de tres anos despois de clausurar o paso ao camarín do Apóstolo Santiago por mor da COVID en 2020, a Catedral permite desde as 10.30 horas da mañá deste mércores o restablecemento deste ritual cun novo itinerario. Para evitar aglomeracións e tendo en conta o gran número de peregrinos que visitan a basílica, a entrada daquelas persoas que queiran abrazar o Apóstolo farase pola porta da Acibechería e dende alí pasarase á cripta, para pasar de seguido ao camarín e abrazar a Santiago. A saída destes visitantes farase pola Porta de Abades, coma no Ano Santo, para así diferenciar estes turistas e peregrinos que acceden á visita á Catedral pola porta da Praza de Praterías.

Así o informaban no claustro do templo o deán José Fernández Lago e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos, advertindo este último que cumpría “ter en conta que arredor de dez minutos antes do comezo de cada celebración litúrxica se suspende o acceso até que remate a misa”. Agás estes momentos, segundo explicou o director da Fundación, as visitas para abrazar o santo poden realizarse dende as 8.30 horas até o peche da Catedral. O cóengo insistiu en que o percorrido, “que debe transitar polo deambulatorio norte, condiciona moito o espazo” por iso o novo itinerario “despois de moitas voltas, parece a solución máis axeitada” para evitar situacións de falta de control no templo.

Daniel Lorenzo quixo insistir no interese da Catedral en recuperar o abrazo ao Apóstolo pero facéndoo coa maior seguridade. “Dá a impresión de que non queriamos volver permitir o abrazo, pero quero recordar que no ano 19 estabamos en obras e seguíase podendo realizar este ritual e, de feito, esta estrutura que podedes ver agora está preparada dende finais do ano 20”, en referencia a que durante os dous últimos anos santos non se puido realizar o abrazo polas medidas anti Covid-19. “Queriamos abrir canto antes pero a prudencia non o permitía e hai que ter en conta que é un espazo devocional, moita xente chega con gran emoción” e, polo tanto, indicaba que haberá “moitas cousas que non se poidan evitar pero aínda que agora se permita este abrazo non convén, por exemplo, achegar a cara ao Apóstolo, bicarlle a meixela...”. Neste sentido, o cóengo explicou que para logo do ritual haberá un surtidor de hidroxel.

O director da Fundación Catedral tamén explicou a necesidade de realizar unhas visitas fluídas, polo que a realización de fotografías durante o abrazo quedará prohibida. “Non podemos estar parados, se alguén quere facer unha foto, un selfie, etcétera, entón o número de peregrinos que van poder dar o abrazo será moito menor”. O cóengo insistiu en que “non se trata de estar permanentemente buscando esa imaxe, senón a experiencia que é o verdadeiramente importante”. Lorenzo Santos tamén fixo referencia ás persoas con dificultades no movemento, “hai asistentes que teñen que ir ao seu ritmo polas condicións físicas e iso hai que respectalo”.

Preguntado polo número de peregrinos, fieis e visitantes que estimaban que puidesen pasar a abrazar o Apóstolo, Daniel Lorenzo explicou que se fixo unha estimación pola que se conta con “300.000 ou 500.000 ao ano que poderían pasar se se mantén un bo decorrer de visitantes e peregrinos”. Pero tamén indicou que dende que se fixo ese cómputo “o Ano Santo pasado estamos superando todas as cifras” e por iso, insistiu en que a xente tome “conciencia de facer o percorrido con certo dinamismo”. Segundo explicou, até hoxe entregáranse no ano “arredor de 150.000 Compostelas e o número de persoas que visita o templo ao ano está por riba dos dous millóns”.

[object Object]

O cóengo xustificou a súa insistencia na axilidade da visita e no itinerario diferenciado facendo un recordatorio do Ano Santo de 1993. “Chegaba a haber na Catedral catro colas e era imposible, uns ían dar o cabezazo, algúns onde era e outros onde non pero xa non diciamos nada”, comentou con humor, “outros ían dar o abrazo, outros facían cola para non sei que cousa porque as tradicións son de hoxe para mañá”, engade. “O parteluz do Pórtico”, continuou explicando Daniel Lorenzo, “sufría moito, como se puido ver cando se fixo a restauración, e por iso o acordoamos, había dúas colas inmisericordes, era a perda absoluta do espazo patrimonial”.

Durante a súa comparecencia diante da prensa, o director da Fundación Catedral explicou que o rito do abrazo se iniciou a finais do século XII, primeiros do XIII, cando a realizou o Mestre Mateo. “Entón o tempo de visita, cando xa se podía tocar a escultura era curtísimo”, porque o espazo tamén era menor do que agora, “daquela había que cruzar a Capela Maior, un espazo litúrxico e polo tanto de celebración”. 

Preguntado por se se pensa na posibilidade de cobrar entrada á Catedral, Daniel Lorenzo Santos sentenciou que “nunca xamais o propuxemos, non se vai cobrar anque isto supoña un esforzo de xestión engadido, seguiremos solicitando apoio das institucións para o mantemento”. A Catedral tamén é un santuario e un lugar de peregrinaxe, “hai que telo en conta e non se lles pode expropiar aos composteláns, aos diocesanos e aos galegos”. O cóengo reivindicou que a Catedral “non é para os de fóra, é a igrexa madre da diocese, igrexa central e ademais santuario e ten que manter a súa condición de sede catedralicia que sempre estivo aberta e gratuíta”, sentenciou.