Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pedro Puy | Portavoz parlamentario do PPdeG

“Hai unha situación crítica coa inflación e precisamos un gran pacto de rendas”

“En política non se vive de herdanzas, sempre hai que tomar iniciativas”

Pedro Puy, o mércores nos corredores do Parlamento de Galicia en Santiago. | // ÓSCAR CORRAL

Pedro Puy reapareceu no Parlamento o pasado mércores para votar o teito de gasto autonómico en 2023 logo do infarto que sufriu en maio na propia Cámara, percance que o levou a deixar o tabaco. Recuperado xa, o cerebro dos programas electorais do PPdeG e portavoz parlamentario da formación reclama un gran pacto político sobre rendas para combatir a inflación.

–Como se atopa logo do infarto?

–Perfectamente, estou moi recuperado.

–Pensou en deixar a política e cambiar de vida?

–Un sempre lle da voltas á cabeza. No meu caso, desgraciadamente, sempre se acaba impoñendo o sentido do deber.

–A política galega está marcada pola sucesión de Feijóo, substituído por Alfonso Rueda. Que mudou no partido e na Xunta?

–Hai un cambio xeracional, iso é o máis importante, que se ve en toda a estrutura da propia Presidencia, cun novo impulso e nova forma de facer política.

–Debe implantarse un novo estilo Rueda para manter os electores ou a herdanza de 13 anos e catro maiorías absolutas é suficiente?

–En política nunca se vive de herdanzas. Hai que tomar sempre inicitativas independentemente das circunstancias e en función das necesidades da cidadanía.

–No debate sobre o teito de gasto, falou das incertezas existentes, coa inflación desbocada e as consecuencias da guerra en Ucraína. Que marxe ten Galicia para actuar?

–O primeiro que hai que ser é realista. Estamos ante unha crise que desborda a situación galega e española. É algo internacional e estamos na UE, que ten moita capacidadde para afrontar a situación en moitos ámbitos, fundamentalmente na política económica a través da monetaria e do gasto púlico. Estao a facer de xeito máis acertado que como o fixo na crise financeira, soportando as economías de xeito consistente financiando emprego, cos ERE, ou a innovación con moi boas iniciativas. O que Galicia mellor pode facer é ser coherente con esas políticas europeas. No teito de gasto, por exemplo, no endebedamento pode ir polo recomendado no 0,3% ou reducilo máis. A Xunta está indo pola liña de Europa.

–Feijóo falou de “pufo” ao referirse á debeda publica xerada polo Goberno. Tamén son “pufos” os 11.000 millóns que deixou el na Xunta en endebedamento canto en 2009 eran sobre 3.500?

–A débeda é un instrumento que hai que usar con moita cabeza. Os niveis que ten España son un problema a longo prazo, problema que Europa de momento está obviando porque hai necesidades máis perentorias. O Goberno é consciente. Ademais, a mellor forma para reducir o endebedamento historicamente é a inflación, que favorece a debedores e perxudica a acreedores porque as cantidades que un debe perden valor. A inflación para reducir débeda é bo negocio para o Estado. A proposta do PP ao Goberno era que entendía que o Goberno podía aproveitar a inflación a curto prazo para conter un pouco os volumes de endebedamento, pero que tamén boa parte podería volver ás rendas máis baixas. O Goberno non entrou por aí e estou convencido de que é o mecanismo que ten a curto prazo para facer axustes sen que se note, entre comiñas. É moi vello. A forma máis antiga de baixar a débeda pública é deixar pasar o tempo e que haxa inflación.

–Como afecta esta problemática ao ambiente parlamentario?

–Non me preocupa tanto o ambiente parlamentario, senón o problema na rúa. Estamos afrontando unha situación moi crítica. É necesario un pacto de rendas, os custos da crise inflacionaria deben ser compartidos por todos, como se fixo cos Pactos da Moncloa. Tamén é positivo empezar a falar dun pacto fiscal amplo. Se falamos dunha reforma a fondo do sistema tributario, tamén sería un bo momento. É posible chegar a grandes acordos. O problema é que non hai interese en facelo. Cando se produce a remuda no PP e se fai unha proposta que daba pé a establecer comunicación co Goberno, non se abriu o diálogo. Non hai que lembrar episodios na historia en que a inflación levou a grandes crises políticas. Sabemos algo do pasado, é que se se fan as cousas con certos consensos, vainos mellor.

–Confía no acordo?

–En Europa si o hai.

“Feijóo debe consolidar unha alternativa para non asumir un Goberno con hipotecas non desexables”

–As enquisas vaticinan grandes opcións dun cambio de ciclo político que leve a Feijóo á Presidencia do Goberno. Que opina?

–É bo que comece a percibirse que existe unha alternativa, é a esencia da democracia. E tamén é moi boa noticia que esa alternativa estea encabezada polo PP. Houbo riscos no pasado en dereita e esqueda, como ocurríu noutros países, de que as principais alternativas estivesen situadas nos estremos do espectro político, o que conduce a maior división social e crispación. Certamente, o feito de que se vexa unha alternativa non quere dicir que se vaia producir un cambio, Correspóndelle ao presidente Feijóo traballar para consolidar esa alternativa e facelo coa consistencia suficiente para que non teña que asumir tamén un Goberno con hipotecas non desexables.

–Era vostede un home de Feijóo. Éo agora de Rueda?

–Para que ninguén se ofenda, eu sempre me sentín un home do PPdeG. Eu con Feijóo sentinme moi ben e con Rueda síntome moi ben.

–Coordinou todos os programas electorais do PPdeG desde 2009. Que ideas deben exportarse ao ámbito estatal e ao municipal?

–Estamos facendo unha política responsable no económico que ao memo tempo que garante a prestación de servizos públicos tenta alixeirar as carga fiscais para os cidadáns. Esa receita funcionou ben e é extrapolable a España.

Compartir el artículo

stats