Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Valentín González Formoso | Secretario provincial e candidato á Secretaría xeral do PSdeG

“Houbo unha continua submisión ás decisións de Madrid sen analizar se benefician a Galicia”

“Se gaño as primarias, haberá integración, vai no meu ADN, na miña maneira de ver a vida”

Valentín González Formoso na Coruña. VÍCTOR ECHAVE

A súa candidatura dábase por feita desde hai meses aínda que se tomou o seu tempo para anunciala. O secretario provincial do PSOE na Coruña, presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, di contar co apoio de moitos socialistas para disputarlle o liderado ao actual secretario xeral do PSdeG , Gonzalo Caballero, a quen culpa dos malos resultados nas eleccións autonómicas, que relegaron aos socialistas á terceira forza.

–Dixo en 2017 que non daría o salto á política a autonómica.

–Todo nace dunha posición de compromiso co Partido Socialista de Galicia e cun país que considera imprescindible ao PSdeG pero que leva catro anos desconectado no ámbito autonómico. Gobernamos 111 concellos, tres deputacións e practicamente todas as cidades de Galicia pero relégannos a terceira forza no Parlamento. Temos que volver a ser relevantes e aos compañeiros e compañeiras que temos un compromiso total con esta ideoloxía ás veces nos toca dar un paso adiante.

–Unha das mensaxes forza da súa campaña é a de que hai que recuperar o orgullo de ser socialista en Galicia. Perdeu vostede ese orgullo?

–Non, creo que os compañeiros e compañeiras entenden perfectamente a que me refiro: á aspiración de gobernar o teu país, a non resignarnos a esa reflexión tan desmotivadora de que en Galicia o PSdeG non pode gañar eleccións.

–Síntese atacado cando o sinalan como o candidato que representa o modelo das baronías e un socialismo máis á dereita?

–O compañeiro que reflexiona así non entendeu a mensaxe de unidade e respecto do congreso de Valencia. Esa mensaxe de reconciliación de sensibilidades hai que aplicalo a Galicia. Conceptos trasnoitados como os das baronías no socialismo do século XXI xa non se deben manexar porque poñen en cuestión que fomos elixidos en primarias.

–Defende un modelo galeguista e socialdemócrata. Por concretar algo máis, dígame cal é o seu referente, un político ao que admire?

–Zapatero para min é unha referencia, fixo unha gran aposta, ás veces incomprendida, polos avances en materia dos dereitos civís. É a gran referencia de todos aqueles socialdemócratas que aspiramos a cambiar o mundo desde as institucións.

–Di que a súa é unha campaña en positivo, pero lanza máis dun dardo ao seu rival cando fala de “cesarismos”, dun PSOE co “talento durmido” o sen orgullo...

–Estamos nun proceso de primarias onde se confrontan proxectos e exponse moi intensamente. Eu poño sobre a mesa datos reais do comportamento electoral en Galicia que motivan que presentemos unha candidatura alternativa. Iso non quere dicir que haxa que descualificar, simplemente poñemos negro sobre branco as razóns polas que damos un paso ao fronte.

–As dúas faccións parecen irreconciliables. Non lle preocupa que estas primarias provoquen unha fractura que pase factura nas municipais?

–En absoluto. A partir do día 1, sexa secretario quen sexa, seguirei aplicando o que aplico en toda a miña vida política e persoal, que é evitar as confrontacións, intentar sumar. Son secretario provincial froito dunhas primarias ás que se presentaron sete listas, seis se integraron na miña e, despois de gañar folgadamente, incorporamos á lista alternativa. Creo que perdoar, ser xenerosos e incorporar o talento é a única forma de que teñamos opcións de liderar as institucións en Galicia.

–Entendo que se gaña integrará ao seu rival e afíns entón?

–Acabo de responder, vai no meu ADN. A unidade e a integración é a miña maneira de ver a vida.

–Acusa a Caballero de non entender a mensaxe de unidade do congreso de Valencia, pero esa foto de reconciliación contrasta coa que ofreceron os socialistas galegos con reunións por separado... ¿Que pasa no PSdeG que leva anos en liortas, sen liderados que arraiguen?

–Os que nos presentamos temos unha historia detrás, non hai que avaliar nin as promesas nin os enunciados de integración, basta con ver o que levamos feito. O compañeiro Gonzalo preside unha executiva nacional galega froito dunhas primarias onde por primeira vez na historia socialista de Galicia non hai nin unha sola persoa da candidatura contrincante integrada.

–Pero non é algo dos últimos catro anos, os enfrontamentos ven de longo...

–Esa pluralidade, esas diferentes visións non é patrimonio exclusivo do partido socialista de Galicia. O importante é ser capaz de aunar as diferentes sensibilidades.

–Regresou contento do congreso federal pola continuidade de Pilar Cancela, pero na elección dos integrantes do comité federal parece que Ferraz optou pola neutralidade. Que lectura fai?

–Paréceme que os equilibrios de Ferraz son os adecuados, está sendo absolutamente neutral no proceso.

–Que é o que máis admira de Gonzalo Caballero?

–A súa capacidade de traballo, de recorrer Galicia cun esforzo persoal enorme, porque estou convencido de que cando sae da casa deixa aos fillos durmidos e cando volve os atopa durmindo, é unha renuncia persoal enorme que hai que valorar.

–E a súa principal fraqueza?

–A súa falta de conexión coa sociedade galega. Este proxecto durante os últimos catro anos renunciou a defender Galicia por unha cuestión de comodidade orgánica con Madrid. Creo que houbo unha continua submisión ás decisións de Madrid sen analizar se beneficiaban ou prexudicaban a Galici. Houbo moitísimas que a beneficiaron, pero outras non. Sentín en moitas ocasións un ataque furibundo aos galegos e galegas cun criterio propio de país.

–Se gaña, aspirará a ser candidato á Xunta?

–O meu compromiso é total, con iso respondo; pero hai que preservar a lexitimidade dos militantes para escoller ao candidato en primarias.

–E cal sería a súa primeira decisión se gaña?

–Pasar unha tarde completa con con meus fillos e a miña muller, xa mo reclaman.

–E se perde?

–Pois pasar unha tarde non, dúas, con miña muller e os fillos [ri].

–Que lle din na casa por terse involucrado neste proceso?

–Foi unha decisión consensuada, o fago por eles tamén. Non quero formar parte dunha xeración de políticos que pasaron sen pena nin gloria, sen aportar nada de valor ao país.

–E compaxinaría os seus cargos na Deputación e no Concello das Pontes coa Secretaría xeral?

–Si, igual que o compañeiro Pedro Sánchez é secretario xeral do partido e compatibiliza a Presidencia do goberno. O importante é a delegación en equipos que creo que é algo que faltou na dirección galega nestes últimos catro anos.

–E como articularía a oposición no Parlamento? Pediríalle ao seu rival que renunciase ao seu escano?

–Habería que analizar os pasos axeitados para favorecer ese cambio de modelo no partido e favorecer outra imaxe de conexión con Galicia, que requiren dun PSdeG forte, creo que hai que preservar ese obxectivo por riba das persoas

“Besteiro xa non está en política nin está por volver”

–No 2015 non vía plan B a Besteiro. É coñecida a súa sintonía persoal e política, apoiaría a súa candidatura á Xunta se decidise regresar tras o arquivo da causa que o obrigou a dar un paso atrás?

–Besteiro, compañeiro e amigo, está fóra da política. Foi inxustamente tratado, foi unha persecución absoluta e inxusta a unha persoa que estaba chamada a liderar Galicia, pero Besteiro xa non está en política nin está por volver á política.

–No seu partido xerouse polémica pola máxima en contra de acumular cargos: Un home ou unha muller, un cargo. Está a favor ou en contra?

–En principio estou en contra se non ten sentido, creo que esa formulación está sendo respectada porque é un principio asumido polo partido socialista.

–E as portas xiratorias? Parécelle ben que haxa expresidentes do goberno ou exministros en consellos de administración das eléctricas?

–Non, non me parece nada ben. Creo que os expresidentes deben deixar de ser vasos chineses, como os definiu Felipe González, pero hai que facer unha reflexión seria sobre o asunto. Penso que un expresidente é un valor enorme a empregar en beneficio do país e probablemente haxa que aumentar a súa retribución persoal, claro que si, pero se é para poñelo a disposición de todos os españois e renunciando a ser un lobista. O que non se pode é ser as dúas cousas, creo que iso frustra a sociedade española.

Compartir el artículo

stats