Lidia Senra aspira a repetir o escano no Parlamento Europeo que logrou con AGE en 2015. Rexeita reabrir a polémica sobre o seu posicionamento ante as vacunas, logo de asegurar nunha iniciativa parlamentaria que ninguén demostrara a súa seguridade. O seu novo partido desmarcouse desa opinión e situouna como candidata aos comicios do día 26. É número 2 da coalición "Compromiso por Europa", que encabeza Compromís.

- Que pode facer por Galicia no Europarlamento?

-Seguir traballando en temas abertos como a reforma da Política Agraria Común (PAC), aprobada na Comisión de Agricultura, pero que na próxima lexislatura terá que pasar polo Parlamento. Facer emendas é fundamental para que os prezos dos productos agrícolas non sigan por debaixo dos costes de producción. E ten que haber unha redistribución das axudas. Outra cuestión fundamental é frear o cambio climático. Hai un movemento da xuventude que nos di que non temos dereito a deixar un planeta hipotecado. O modelo agroalimentario actual é responsable de parte moi importante da emisión de gases de efecto invernadoiro. A PAC tiña que facer unha viraxe profunda para promover unha agricultura e comercialización diferentes. É posible, pero hai intereses moi potentes para mantelo en mans do modelo agroindustrial.

- Están alonxadas as institucións da nosa realidade?

-Era necesario que o debate das institucións europeas se coñecese aquí, pero non hai moito interese. Sen dar o debate, por exemplo, sobre a nova PAC ou o regulamento de control de pesca, a sociedade descoñece o posicionamento de cada quen. Logo élles moi doado aos partidos que gobernan dicir que algo vén de Europa. É fundamental que todas as personas da UE sexamos conscientes do que se está debatindo. Sempre ten repercusión. Cada vez que a Comisión Europea propón unha normativa sempre é para favorecer a unha minoría e ao interés do capital, en contra da maioría da sociedade e dos traballadores. Iso provoca que as persoas sexan críticas coa UE. Ten que haber un cambio e que a UE debe deixar de facer políticas a prol das grandes multinacionais para favorecer ás persoas.

- Como traballadora do agro e tamén eurodeputada, como afectou a UE a este ámbito?

-Foron máis os perxuízos que os beneficios. O rural estase desertizando e as explotacións téñeno cada vez máis difícil porque os prezos non cubren os costes de producción. É unha política para beneficiar ao agronegocio pensada para grandes exportadores e non pensada na soberanía alimentaria. Nin o agro nin as nosas zonas costeiras manterán o seu modo de vida e postos de traballo se non hai apoio decidido á agricultura e pesca artesanal. É un dos xeitos de crear emprego. A xuventude non atopa traballo. Se imos acabando unha a unha coas bases da nosa economía ao final... Para frear o cambio climático fai falla un modelo baseado na agroecoloxía.

- Logo do golpe do 28-A e os pronóstico do CIS, que non lles dá representación no Parlamento Europeo, que expectativas ten?

-Facemos o posible para que se coñeza o noso discurso. Non todo o mundo sabe que o 26 hai eleccións municipais e europeas. O 80% das decisións que afectan ao noso día a día tómanse na UE. Os labregos e mariñeiros son conscientes, pero hai outras políticas que afectan, por exemplo, ás pensións públicas. Malia non haber unha política directa da UE, esta favorece que sigan a deteriorarse. Acaba de aprobarse no Parlamento Europeo un regulamento para favorecer un mercado europeo de pensións privadas con incentivos fiscais.

- Costaralle votos ter cuestionado a seguridade das vacinas?

-É unha polémica pasada. Estamos e esteremos na defensa da sanidade pública e da saúde.

- Pero terá efecto electoral?

-Non sei.

- Mantén o mesmo posicionamento da iniciativa na que cuestionaba a seguridade das vacinas?

-Xa lle digo que é unha polémica pasada e non vou entrar nela.

- Nunha entrevista indicou que non donaba parte do seu salario a AGE, coalición coa que se presentou no 2015. Vaino facer agora a En Marea?

-Xa o expliquei no seu momento. Estou disposta a dar un debate en profundidade sobre todos os salarios públicos, desde un cargo institucional a un xuíz, e por que todo o mundo teña un soldo digno. En segundo lugar, sempre defendín que o que se dona a un partido non é un debate público.

- Vostede preséntase por En Marea e as súas normas recollen que os seus cargos deben donar o salario por riba de 3.000 euros mensuais á organización e que iso sexa público. Vaino cumplir?

-Aceptei presentarme por En Marea e non vou montar unha guerra contra ela.

- Tras obter 17.000 votos nas xerais, En Marea reflexionará sobre o seu futuro. Cal debe ser?

-Os debates hai que dalos internamente e logo comunicar os resultados. O meu pensamento prefiro mantelo no interno e, concluído o debate, dicilo publicamente. Son desa vella militancia.