- Dá por feita a ruptura do grupo de En Marea no Hórreo?

-Non dou por feito nada ata que pase. Confío na capacidade da xente para rectificar.

- Contempla un escenario no que a maioría de críticos quedasen no grupo e vostede e os seus tivesen que ir ao mixto?

-O grupo de En Marea representa unha organización e o normal é que os seus deputados non a desoian. Sería inaudito que quen renega de En Marea pretendese quedar co grupo.

- A división da esquerda compromete a alternativa a Feijóo?

-Por un lado si, pero somos fillos dun momento europeo de fragmentación e temos que competir nese espazo multipartidista. Cal é o antídoto fronte a decepción? A coherencia. A xente decepcionáse porque non se cumpre o que se promete. Se gobernas e prometes remunicipalizar un servizo tes que levalo a cabo.

- Decepcionaron as alcaldías do cambio?

-Na súa maioría non.

- Algunha entre as da Coruña, Santiago e Ferrol?

-Ferrol. O noso espazo aposta pola desmercantilización dos bens públicos e se non se deixa a pel niso toca unha fibra sensible. Ás veces non se dá cumprido un programa, pero hai que evidenciar que un se encamiña cara iso. En xeral, non decepcionamos. Máis alá do municipal, é importante que cando se produce un xiro como o de Podemos esa decepción non quede na casa. Por iso foi moi positivo que todos os que non se conformaron coa súa dogmatización saísen á rúa, logo de que se expulsase a xente moi valiosa. Iglesias atraía a un segmento, pero Errejón a outro.

- Iglesias asumiu un discurso agora bastante errejonista de colaboración co PSOE.

-Lembro cando a min me criticaba esa mesma xente por dicir que a Constitución ten partes moi chulas e sociais. Un dos problemas da última campaña de Iglesias foi que ese xiro foi moi forzado. En todo caso, benvido sexa.