David Bruzos, quen liderou a lista alternativa a Luís Villares nas primarias de En Marea, non é optimista con respecto ao futuro de En Marea. Sospeita que a votación non foi limpa e vese máis fóra ca dentro do primeiro partido da oposición.

-Seguen sen recoñecer os resultados das primarias de En Marea?

-Non lles damos validez. Estamos á espera da auditoría externa encargada a un informático recoñecido a nivel estatal e europeo. A actual coordinadora de En Marea encabezada por Luís Villares non quixo que fose un procedemento de elección normal. Inventáronse entradas no censo electoral para suspender as votacións. Digo que se inventaron porque nós non temos coñecemento da auditoría que eles din que teñen e que supostamente avala esas entradas, ningún xornalista ten esa auditoría e ninguén sabe quen fixo esa auditoría. A partir daí suspenden a votación, levan a uns compañeiros á Fiscalía e implantan un novo sistema de votación dubidoso e a empresa contratada para validar o proceso decidiu non validar porque dixo que non podía facelo en dous días. Votamos sen validación independente, sen que unha empresa dixera que o proceso era limpo.

-Teñen algún avance da súa auditoría?

-Si, e hai cousas moi graves, pois co novo sistema de votación podíase saber de forma pública quen vota e a quen vota. O mércores da vindeira semana teremos a auditoría completa. E entón haberá unha resposta política, pero tamén pode ter consecuencias legais. Se detectamos irregularidades habería que ir a un xulgado.

-A resposta política pasa por marchar de En Marea?

-Se se confirma que houbo irregularidades tan graves como que non houbo limpeza na votación e engadimos que levaron á Fiscalía a tres compañeiros sen probas?, se todo isto se conxuga, vai ser moi complicado manternos neste espazo. Acabamos de ter coñecemento de que o xuíz ve indicios e por iso admite a trámite a denuncia dos compañeiros do Comité Electoral por telos revogado de forma irregular. A decisión de marchar non é miña, hai moitas sensibilidades diferentes, pero os colectivos que estamos na candidatura que encabezo vemos que a situación é insostible en termos democráticos e que é bastante probable non continuar.

-É Podemos quen pula por marchar de En Marea e Anova é máis remisa?

-Hai un pouco de todo en todos lados.

-Os alcaldes das Mareas parece que poñen o freo, se cadra porque as eleccións municipais están á volta da esquina?

-É moi respectable que a seis meses dunhas eleccións digan que levan moito tempo traballando nos concellos e durante estes seis meses imos adicarnos a non ter máis ruído, non máis conflito.

-Poden as eleccións municipais adiar a ruptura?

-Haberá que falar entre todos a situación en que se ésta e ver como e cando saír, se se decide marchar.

-Tan grave é a situación para romper En Marea pola metade e renunciar a liderar a alternativa ao PPdeG?

-Se non hai respecto ás mínimas normas democráticas é entendible que non se manteña En Marea. A nosa responsabilidade, se se confirman as nosas sospeitas, é dicirlles a moitos inscritos que este espazo non reúne requisitos mínimos de democracia e qué entón o mellor é saír del.

-Villares tende pontes, chama á reconciliación, é posible?

-Esa mensaxe tíñaa que enviar non agora, senón no primeiro momento. E fixo o contrario, cando sacou de forma interesada e para influír nas primarias información falsa dos soldos dos deputados,

-Dende a outra lista din que son malos perdedores e só buscan unha excusa para marchar e por iso sementan dúbidas sobre a limpeza das primarias, que resposta?

-Dígolles que contraten unha empresa recoñecida a nivel estatal que audite o proceso de votación, que fagan público o nome da empresa, que nos ensinen o prego de contratación e o resultado desa auditoría e se esa empresa determina que o proceso foi limpo, estamos dispostos a chegar a puntos de acordo. Pero non o van facer porque saben que ese proceso está cheo de dúbidas.

-Hoxe constitúese o novo Consello das Mareas, van acudir?

-Non. Agardamos pola nosa auditoría. En caso de que o resultado fose limpo, aceptaríamos o resultado, pero tamén se levan producindo sucesos que queremos pór enriba da mesa: non temos auditoría anterior do censo, non se retiraron as acusacións da fiscalía...

-Villares ten maioría no partido, pero os críticos teñen maioría no grupo parlamentar, pensan mudar o seu portavoz?

-Non estamos a falar diso. Os grupos parlamentarios teñen as súas propias dinámicas. Eu non podo controlar nin decidir iso. Non é cuestión da candidatura.

-Que é máis probable: chegar ás vindeiras eleccións autonómicas xuntos ou divididos, En Marea por un lado e Unidos Podemos, con Anova, por outro?

-Agora mesmo é bastante probable que En Marea como se concibiu deixe de existir nun futuro cercano. Pero se non é En Marea non ten que ser Unidos Podemos. Hai que fuxir diso. Non será Unidos Podemos. A sensación que teño é que será un espazo novo, diverso e amplo con cabida para todos os que respecten as sensibilidades do resto.

-Haberá desgaste electoral?

-Si, porque a nós mesmos nos abochorna o que pasou. Haberá xente que pense que somos un grupo de xente pelexando por sillóns, cando non é así. É unha cuestión de proxectos políticos, diferentes, pero lexítimos os dous, o que sucedeu foi que o procedemento foi moi mal levado. Moi mal xestionado. Pero hai moita xente que sigue crendo nos espazos de unidade popular.