Un dos escritores galegos de máis sona que figura tamén entre os máis recoñecidos eruditos da lingua abandona a presidencia de Real Academia Galega. Tamén a súa cadeira de académico. Custa pensar que esta institución, menos aprecida polo poder en Galicia que noutras comunidades históricas, poida permitirse prescindir dos seus mellores fillos. A loita interna polo control da Academia, coincidente cunha guerra sucia externa, precipitaron este final cainita. Un final no que este catedrático que deixou pegada en varias xeracións, autor de culto e home comprometido que pagou co cárcere a súa oposición radical ó franquismo, elexiu para a despedida a máis certa das súas múltiples facianas. Vaise dando un sonoro portazo nunha institución pouco afeita aos pronunciamentos claros e altos. Zoólogo frustado, profesor apaixoado e nacionalista romántico, o escritor galego de máis sona con Cela, Torrente, Cunqueiro e Rivas é todo menos un home de mármore.

Nada é simple no universo ferriniano. Foi un profesor comprometido contra o franquismo que cumpriu dous anos de condena en El Dueso, a onde chegaban cartas do PenClub firmadas porArthur Miller e Tennessee Williams, e é un escritor que detesta o realismo social.

Xosé Luís Méndez Ferrín chegou a este mundo en plena Guerra Civil e, aínda que o seu pai era un avogado republicano que non padeceu a represión por pertencer ao partido de Lerroux, que non se integrara no Frente Popular, na súa memoria quedaron impresas as turbulencias da posguerra, cos maquis, os paseos e ao fondo sempre as voces metálicas de Salvador de Madariaga ou Jorge Marín fustigando ao fascismo polas ondas desdeLondres e París. Décadas despois, nos convulsos anos 60, colaboraría no berce dun proxecto político, a UPG, o daquela pretendido partido comunista galego, que viña rodado desde os anos 40 por galeguistas como Valenzuela ou Pepe Velo, que estiveran cos comunistas na guerrilla antifranquista.

A figura mítica do guerrilleiro fundiuse na mente fantástica dun neno que soñaba coas lecturas de Os cabaleiros da táboa redonda, Peter Pan ou Corazón, e medrou coas epopeias galácticas de Flash Gordon e outros heroes do cómic norteamericano como Ben Bolt ou Rip Kirby, sen facer ascos aos españois, mesmo ao facha Roberto Alcázar. Daquela pasaba o tempo cazando insectos e quería ser zoólogo, algo quizais impropio de alguén que, como lle recordaba o seu avó, non debería esquecer que fixo o ingreso o mesmo día que o agora rei Juan Carlos.

A obra de Ferrín está atravesada por un máxico romanticismo á irlandesa que se aprecia no Turelo de Arraianos, un personaxe que mata tres veces ao sedutor da súa muller -a derradeira, suicidándose porque a pantasma do rival o tiña posuído para deitarse con ela-. A súa vida real está tamén habitada en certa maneira por ese sentimento tráxico tan irlandés no que a liña que separa o heroísmo da traición e o amor do odio só pode ser comprendida pola poesía. Pasoulle con Bautista Álvarez, que fora o seu vello camarada naquela banda de poetas beatniks que era o grupo Brais Pinto naquel Madrid provinciano dos anos cincuenta, e que se converterá máis tarde no seu acusador na asamblea da ANPG, organización nacionalista precursora do Bloque, que decidiu expulsalo. Algo disto arrástrase igualmente desde o seu paso por Compostela, cando aínda era un mozo vagamente crente que ás veces acudía a misa con Franco Grande, onde viviu radicalmente as súas relacións con aqueles rosacruces galeguistas agrupados ao redor de Ramón Piñeiro, a quen Ferrín ten acusado de impedir a reorganización do Partido Galeguista. Algunha sombra desta vella enemistade co espíritu da mesa camilla pervive no actual confito da Academia.

O grupo poético Brais Pinto, do que formaban parte, ademais de Ferrín e Bautista Álvarez, Fernández Ferreiro, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, César Arias e Alexandre Cribeiro, entre outros, tiña como bandeira o combate ao neorrealismo de moda naquel triste Madrid de 1958. Tamén lle tiñan declarada a guerra literaria a Cunqueiro, e a Cela. O futuro Nobel galego escribiríalle una carta de recomendación "a quien corresponda" con membrete da Real Academia Española pouco despois dos tráxicos sucesos da folga xeral de 1972, e fíxolla chegar a Ferrín, buscado pola policía, ao seu escondite. Desde logo, o autor de Cón pólvora e magnolias non se conta entre os que regatearon a xustiza do premio otorgado pola Academia sueca ao escritor de Padrón. Outra cousa é -unha sombra atravesa entón o ánimo de Ferrín- cando se lle menta a Torrente Ballester, que nalgures escribiu sobre Ferrín que "era mi amigo y dejó de serlo".

Ferrín fíxose marxista, ademais de especialista en francés medieval, en Oxford, a onde chegou advertido por Salvador de Madariaga, quen lle contara que era unha universidade pouco especulativa, que só estaba moi ben en física, disciplina da que nin Ferrín nin Madarariaga sabían ren. Gañábase a vida traballando na factoría automovílística da Morris mentres asistía a clases de anatomía nas que abrían cadáveres en canal en plan CSI. - pasaba as horas entre a monumental biblioteca -onde existe un dicionario galego donado por Tolkien, que consultara nel sonoridades para nomear personaxes e lugares de O señor dos aneis- e os pubs obreiros nos que cantaban os broncos inmigrantes pakis, xamaicanos e irlandeses.

Candidato ao premio Nobel polos escritores galegos, Ferrín exerce unha enorme influencia como profesor, intelectual e escritor sobre varias xeracións, que propiciu o termo ferriniano coma unha clave cómplice dunha maneira de situarse no mundo intelectual galego. Séxase ferriniano ou non, ninguén dubida de que é una das referencias máis eruditas da literatura galega. Séxase ferriniano ou non, non se pode negar que trouxo aire fresco, vida e polémica a unha Academia que esmorecía. O seu atrevemento ao honrar a un poeta mozo e contemporáneo de escasa obra pero enorme influencia dentro e fóra de Galicia como Lois Pereiro propiciou o Día das Letras Galegas de máis fondo calado en universos que viven de costas á cultura galega. Algo que lle terá que agradecer o seu sucesor e a teima para que a Xunta aumentase a 520.000 euros a súa aportación anual, evitando unha redución de empregados.

Un dos personaxes literarios máis conmovedores de Ferrín é a pantasma dun capitán pirata que segue a navegar no seu barco sen saber que a súa tripulación lle cortara hai tempo a cabeza. Seguramente non se quixo ver nese mesmo penoso papel na Academia.