Arancha Nogueira gaña o XIII Premio Victoriano Taibo de Poesía coa obra “Antese”

A autora ofrecerá un obradoiro presencial de poesía nos meses de xaneiro e febreiro

A poeta Arancha Nogueira. // Santi Caramés

A poeta Arancha Nogueira. // Santi Caramés

R.V.

O xurado do Premio de Poesía Victoriano Taibo acordou outorgarlle o galardón á autora ourensana Arancha Nogueira polo poemario “Antese”. O certame que convocan o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia volta despois de cancelarse o ano pasado pola pandemia.

O acto de entrega do premio e a presentación do libro, publicado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2022, arredor do cabodano do pasamento de Victoriano Taibo, que se conmemora o día 13. Antes diso, durante os meses de xaneiro e febreiro de 2022, a gañadora impartirá un obradoiro de poesía en Gondomar, para o que se abrirá a inscrición nas próximas datas.

Arancha Nogueira foi recoñecida con diversos premios nos últimos anos, como o Francisco Añón de Outes en 2012, o premio de poesía da Universidade de Vigo en 2016, o Mazarelos da Universidade de Santiago en 2017, 2018 e 2019 e o Johán Carballeira de Bueu.