Saberes dos nosos oficios para o Século XXI

A I Feira de Oficios do centro de FP vigués María Inmaculada xa pensa en repetir tras o éxito acadado entre alumnado e veciñanza

A cita reuniu a máis de media ducia de artesáns baixo as premisas de sostibilidade e emprendemento.Non faltaron Suso Cesteiro, Carlos Barros, Di Pataca ou Lelate, entre outros.

A cita reuniu a máis de media ducia de artesáns baixo as premisas de sostibilidade e emprendemento.Non faltaron Suso Cesteiro, Carlos Barros, Di Pataca ou Lelate, entre outros. / Cedida

Porque forman parte do noso patrimonio inmaterial, explican quen somos e non podemos deixar que se perdan, no Centro educativo Fillas de María Inmaculada de Vigo sempre están a “argallar proxectos e actividades para o fomento da lingua e a cultura galega, xa non só entre o alumnado, senón tamén entre toda a comunidade educativa”. 

Desta aposta deu boa mostra a Feira de Oficios organizada o pasado mércores polo equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, todo un éxito de participación que, a través da sostibilidade, o emprendemento en feminino ou as habilidades manuais, deixou ben claro o moito que teñen que aportar os oficios tradicionais nos nosos días como resposta ás necesidades do Século XXI. 

Tanto é así que superaron expectativas en forma e fondo, cunha “asistencia e entusiasmo excepcionais tanto por parte do alumnado como da veciñanza e os artesáns”, cóntanos Iria Vázquez, profesora de FPB e parte do departamento de EDLG da entidade, sobre unha cita que describe como “a primeira de moitas” tras a boa resposta obtida.

Alumnado e artesáns intercambiaron impresións e coñecementos durante a celebración da I Feira de Oficios no centro de FP vigués.

Alumnado e artesáns intercambiaron impresións e coñecementos durante a celebración da I Feira de Oficios no centro de FP vigués. / Faro

Unha inspiradora cita que sumou creatividade, sostibilidade e emprendeduría

O zoqueiro Carlos Barros ou a artesá das marmeladas AvoaMakika foron só algúns dos protagonistas da feira, na que tampouco faltaron Di Pataca, adicada á reciclaxe de refugallos e retais de teas; ou Lelate, que fai xoias e emprega toxos e carrascos como decoración; así como tampouco Suso Cesteiro ou as Palilleiras de Mos. 

Demostracións en vivo, obradoiros e, ante todo, a oportunidade de coñecer de preto a mestres artesáns que compartiron o seu saber e paixón polo seu oficio foron deste xeito as chaves dun programa deseñado coa premisa de “contar con postos de oficios tradicionais, mulleres emprendedoras, e fomentar as 3R (reciclar, reducir e re-empregar) como xeito de ensino, formación e concienciación cara o alumnado”. 

O resultado non se fixo esperar, engade Vázquez, que concreta como “o éxito da feira non só se reflicte na afluencia de público, senón tamén no interese e a curiosidade xerada entre os máis novos, que amosaron un grande entusiasmo por coñecer e aprender sobre os oficios tradicionais”. 

Así foi: os estudantes involucráronse por riba do esperado, colaborando no propio traballo dos artesáns mentres o tempo pasabaselles voando nos postos ata o punto de que “houbo grupos aos que non lle deu tempo a pasar por todos”. 

E fixérono ben, como quixo deixar claro o zoqueiro Carlos Barros, que chanceou: “Non perdín o dedo e iso xa é moito”, dixo. 

Un exemplo dos motivos polos que vaga a pena apostar por este tipo de actividades e unha cita para o recordo que espertou a curiosidade dos estudantes levando os oficios artesáns ao centro urbano. 

Alí, uns e outros puideron achegarse a nosa historia e tradicións, pero tamén a novas habilidades e ideas descoñecidas para eles que, a partir de agora, serán de gran utilidade para o seu futuro laboral: A creatividade, a sostibilidade ou o espírito emprendedor, saberes dos nosos oficios para o século XXI.