faro da escola

Os ‘Oscar’ do CEIP A Carballeira: curtas e música en Stop Motion

O proxecto formou parte da asignatura de Educación Musical

Un dos premios do I Concurso de Stop Motion do CEIP A Carballeira

Un dos premios do I Concurso de Stop Motion do CEIP A Carballeira / Cedida

C. Mañas

No CEIP A Carballeira a música é parte indispensable do currículum e da vida diaria, unha materia que mellora a convivencia mentres educa, sobre todo, emocionalmente.

Así defende a súa asignatura a mestra Soraya González Gutiérrez cando explica a FARO o gran proxecto audiovisual no que se embarcou cos seus alumnos e alumnas: a gala de premios do I Concurso Stop Motion A Carballeira.

“O concurso parte dun proxecto levado a cabo en educación musical para o alumnado de 5° e 6° de primaria” explica Soraya sobre a actividade onde os estudantes experimentaron con esta técnica de animación traballando diversas disciplinas (artística, lingüística, matemática, dixital, emprendedora, persoal e social). “É unha canle perfecta para expresar e comunicar de xeito creativo as súas ideas e sentimientos, experimentando coas posibilidades do son e dos medios dixitais.”

Así, durante as sesións de música prepararon os seus deseños, buscando temas e materiais para levalos a cabo. “Foi un proceso colaborativo onde todos e todas se axudaban entre eles”.

Os temas elixidos foron diversos: a amizade, o amor, o fútbol, crimes, robots, dinosaurios, o ciclo da vida, músicos, invasións...

E para facelos realidade, elementos como a plastilina ou os xoguetes articulados foron os que mais éxito tiveron. “Buscamos tamén os instrumentos ou efectos de son máis idóneos para a súa historia, reflexionando sobre as calidades do son e a súa acústica.”

Unha gala de nivel

Foron os estudantes participantes, as aulas de 5º e 6º, os que deron forma ao evento da entrega de premios. En colaboración coas titoras confeccionaron un guion para presentar a todo o centro os proxectos.

“A gala discorreu con moitos nervios e emoción. Un xurado formado polo profesorado foi o encargado de elixir o 1°, 2° e 3° premio, pero fixemos partícipe tamen a todo o alumnado do centro na elección do Premio do Público.”

“Os alumnos de 5º e 6º de Primaria deseñaron a gala de premios”

E é que, unha semana antes da gala, preparouse un visionado de todas as curtas en cada unha das aulas.

“Este proceso foi transparente e anónimo, onde cada alumno votou ao seu favorito.” Pero imos ao importante: o evento.

A gala comezou co desfile pola alfombra vermella de todos os participantes: “Ían vestidos elegantes, por suposto, para a ocasión.”

Despois do visionado e presentación dos proxectos comezou a entrega de premios propiamente dita, da man do equipo directivo e os nenos de cuarto, que participaron en representación do público.

Os alumnos disfrutando da súa gala.

Os alumnos disfrutando da súa gala. / Cedida

Os gañadores recibiron como presente unha estatuíña ao máis puro estilo Hollywood e varios agasallos.

Os tres primeiros premios do Xurado foron para Teresa Xin de la Peña, (Amizade) Alex Pazos Tablada (O Asasinato) e Yanira Montoya (Corazón Roto). O premio do pñublico foi para Iris González (Banana Minion).

“O proxecto vencedor representaba a amizade de dúas personas. Un proxecto realizado enteramente con plastilina e sonorizado co xilófono. Aínda que cabe destacar que todas as propostas eran moi interesantes e tratouse dunha elección moi complicada”. Por iso, todos e todas as participantes levaron a casa un diploma.

“A gala foi a culme dun proxecto que pon en valor o seu traballo, amosándoo a toda a comunidade educativa. Un día moi especial na escola, tanto para alumnos como para profesores”.

De feito, Soraya remata afirmando que, agora, todas as aulas queren preparar o seu propio Stop Motion, e incluso se está plantexando a posibilidade de que en próximas edicións tamén participen outros centros.

“E por suposto que imos facer a crónica no noso FARO DA ESCOLA, pois foi un feito moi importante na vida do CEIP A Carballeira.”