"Negras e corcheas": un motivo, un proxecto

Atrás empezan a quedar os tempos nos que a Música era a materia “María” do cole. Agora que cobra entidade independente no boletín de notas, coñecemos como se está a traballar nas aulas

Sonorización de Stop Motion no CEIP A Carballeira.

Sonorización de Stop Motion no CEIP A Carballeira. / Faro

M.B

Porque nos permite traballar todas as competencias, porque se relaciona con lingua e matemáticas, pero tamén con historia, naturais, sociais…, porque fomenta o traballo en equipo e a empatía e mellora a convivencia, pero, sobre todo, porque é unha ferramenta clave para a educación emocional do alumnado

Imposible para Soraya González Gutiérrez, mestra de Música no CEIP A Carballeira, elixir un só motivo polo que a música debería seguir gañando peso nas aulas, “unha materia globalizadora que nos conecta coma seres humanos” e da que está cientificamente demostrado que “nos axuda a autorregularnos”.

“A música vainos permitir coñecer todo o abano de emocións que existen e, ao mesmo tempo, logra que afloren as que nós temos gardadas”. Ademais, é perfecta para crear ambientes de calma na clase:“Funcionan ben para este obxectivo cancións lentas, con poucos saltos de intensidade. Escoitamos moito a Yann Tiersen, por exemplo, e, cando soa nas sesións, eles xa saben sen que eu teña que dicir nada que chegou o momento de relaxarse”. 

En resume, a música “non é só negras e corcheas, que tamén”, senón que conta cun papel crucial á hora de emocionarnos, convencernos, captar a nosa atención.

Para demostrar todo iso e moito máis, Soraya non o dubidou á hora de propor aos seus alumnos crear un traballo de Stop Motion e sonorizalo por si mesmos. Un proxecto que está a dando moito máis de si do esperado inicialmente e é que, de feito, todo o centro está a implicarse xa na ‘I Gran Gala - Concurso Stop Motion do CEIP Carballeira’, que promete estar “á altura dos Mestre Mateo. Ou os Goya!”. 

O alumnado grava na radio podcast sobre a importancia das bandas sonoras nas películas de animación.

O alumnado grava na radio podcast sobre a importancia das bandas sonoras nas películas de animación. / Faro

“Un curso de cine”

E falando dos Goya, moito nos ten que contar sobre cine este ano Rebeca López Rey

Profesora no CEIP Figueiroa de A Estrada, dalle a razón a Soraya na natureza “interdisciplinar” da música”, unha materia que “aporta a todas as áreas e supón unha formación integral para os nenos”. 

Nin unha “segundona”, nin unha “María”, reivindica López, que ao mesmo tempo celebra que xa empece a cambiar o conto: “Non, xa non é coma antes. De feito, a nova lei educativa recolle Música e Danza como materia independente na avaliación, sen que teña que facer media con Plástica coma ata agora”, responde e engade: “Con todo, aínda queda por mellorar”. 

No seu cole, están a vivir ‘Un curso de cine’ e por iso as bandas sonoras de animación non podían faltar no proxecto documental integrado da biblioteca. Desde Buscando a Nemo ata Up, as melodías máis emblemáticas de Pixar e outras produtoras están converténdose estes días nas protagonistas da radio do centro, onde o alumnado de 5 e 6ª está a gravar unha serie de podcasts cos que aprenden a investigar, redactar, locutar, articular… e nos que, se algo está a quedar claro, iso é a importancia da música no cine; tanta, que hoxe en día non poderíamos concibilo sen ela. 

Viaxe musical no tempo

Educación emocional, lecto-escritura, guión e investigación e tamén historia porque a de toda a humanidade sería ben distinta senón tivera existido a música, non creedes? 

Os alumnos de Primaria do Colexio San Francisco estánfacendo unha auténtica ‘Viaxe no tempo’ para coñecer a música dos distintos períodos dende a Prehistoria ata os nosos días e vivir cada un deles en primeira persoa con interpretacións, danzas e mesmo creacións propias. Finalmente, plasman todo o aprendido na páxina web do proxecto: “Están incorporando ao seu bagaxe académico o saber cultural e o gusto estético, coñecendo prácticas artísticas diversas e integrándoas coa súa realidade social; establecendo relacións coa música máis escoitada na súa idade”, cóntanos Ana Belén Nieto García, mestra do centro. 

Polo noso: Son do Ar

Ah! Esquecíasenos o máis importante: porque lles gusta. A música ten que estar aí porque lles gusta. 

“Sempre depende do centro e de como se imparta, pero en xeral é unha asignatura que motiva moito aos nenos. Teñen unha actitude super positiva cara ao aprendizaxe, un nivel de atención e respecto brutal”, conta David Alonso, musicólogo e mestre no CEIP Doutor Suárez en Fornelos, agora mans a obra cun ambicioso proxecto en torno ao tema ‘Son do Ar’, para o que están preparando arranxos propios e co que festexarán as Letras Galegas por todo o alto. “Estes nenos son uns cracks incribles, as clases de Música con eles pásanseme coma se fosen dez minutos, vai quedar moi ben”, despídese o mestre, que promete avisarnos para ver o resultado; nós, prometemos contalo.