Imaxinas que puideses facer unha entrevista a un dos teus escritores favoritos? 

Grazas ao ciclo de charlas organizado polo proxecto Faro da Escola, os colexios reciben as visitas de escritores de literatura infantil e xuvenil, onde os nenos poden preguntar e desfrutar da lectura de primeira man.

O autor Ramón Veiga visitou o centro Saladino Cortizo e, na súa biblioteca, conversou cos nenos e nenas, contou historias e contestou as súas preguntas.

Comezou falando de si mesmo, da súa historia e de como decidiu tomar o camiño da literatura, todo dun xeito moi ameno que encandilou aos alumnos. 

Ao dinamismo explicando a súa traxectoria seguiulle unha lectura do seu conto “Miñoca e Coello”, coa que rematou a súa intervención.

"Os contos de Ramón" a charla organizada por Faro da Escola CEE Saladino Cortizo

Os estudantes, que xa leran na clase unha das obras do autor, “A araña que lles tiña medo ás arañas”, prepararon unha serie de preguntas coa axuda dos seus profesores, xa que ter cara a cara ao creador das túas historias favoritas non ocorre todos os días, e o lado xornalista dos nenos tiña que aproveitar a oportunidade.

Como todas as cousas ben feitas, os alumnos prepararon a conciencia este encontro durante os días anteriores á visita. 

Así, tras a lectura do conto e a firma do libro da biblioteca, comezou unha entrevista onde os rapaces resolveron todas as súas dúbidas. 

Que lle preguntarías a un escritor? 

Para o Saladino Cortizo está claro. Comezaron con preguntas sinxelas: “Como escribes, en papel ou en ordenador?” “Cando empezaches?”Pouco a pouco foron soltando temas máis íntimos: Tes mascotas?” “Fixeches algunha entrevista na radio?”

E, xa en total confianza, ata se atreveron a dar ideas para as próximas historias, usando de protagonistas aos seus animais favoritos: “Por que non un conto sobre un cabalo?” 

O autor nos conta que tomou nota de todo, quen sabe se leremos próximamente a historia da Miñoca e o Cabalo...

Os pequenos do CPR Don Bosco non podían deixar marchar a Ramón Veiga sen sacar unha foto con el CPR Don Bosco

 Veiga tamén levou a “Miñoca e Coello” por outras escolas, como o CPR Don Bosco, onde os rapaces de terceiro de primaria desfrutaron en directo desta historia de amizade. 

De novo ameno e divertido, realizou cos rapaces unha actividade sobre o conto, poñendo cara entre todos aos dous protagonistas.

A charla foi tan interesante que os profesores xa incluiron o relato e as actividades que realizaron no clube de lectura das clases de primeiro e segundo. Porque ler é un pracer e, entre amigos, aínda mellor.